—Eu non dixen iso. As cousas concretas que estás a vivir agora non llas tes que contar a ninguén, primeiro porque son túas e segundo polo que remato de dicirche. Con todo, estas cousas están a espertar en ti unhas vivencias especiais, unhas vibracións dos sentimentos, que che abren os ollos a outras situacións da vida. Agora estás en condicións de parar mentes en calquera acontecemento e percibilo nos seus matices máis sutís.
—Ou sexa, que eu lisco da casa e a conta diso podo escribir unha novela de vaqueiros.
—Non, ho. Ti liscas da casa e esta experiencia sérveche para dar vida a personaxes inventados.
—¿E a experiencia é unha novela?
—Xa che dixen que non, que a novela é primeiramente unha historia. A experiencia é un capítulo da túa vida que fai de ti unha persoa diferente da que eras antes, máis sensible para a percepción dos personaxes e das situacións. Honoré de Balzac dicía que cómpre ter pasado moitas follas do libro da vida para ser novelista.
...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.