31 de xaneiro de 2015

Inicio AO ABISMO DE CHICAGO, de Ray Bradbury

Baixo un pálido ceo de abril, cun leve vento que disipaba o recordo invernal, o ancián entrou no parque case baleiro ao mediodía. Os seus lentos pés estaban envolvidos en vendas manchadas de nicotina, e tiña os cabelos enmarañados, longos e grises, o mesmo que a súa barba, rodeando unha boca que parecía tremer continuamente chea de revelacións.
O ancián mirou cara atrás coma se perdera máis cousas das que podía empezar a lembrar alí, na chea de ruínas, ante a desdentada silueta da cidade. Ao non atopar nada, seguiu arrastrando os pés ata que localizou un banco ocupado por unha muller solitaria. Contemplouna, asentiu coa cabeza, sentou ao outro extremo do banco e non volveu mirala.
Permaneceu cos ollos pechados e a boca ocupada durante tres minutos, movendo a cabeza coma se o seu nariz estivese a escribir unha palabra no aire. Feito isto, abriu a boca para pronunciar a palabra con voz clara e aguda:
- Café.
...

30 de xaneiro de 2015

Fragmento de "O velorio" de Francisco Taxes

XUSTO: ¡O benfeitor! (lene paradela) Naceu rico coma un porco e coma un porco morreu...
O FATO: ¡Morreu coma un porco! (cantan) ¡Ailalelo, ailalalalo...!
XUSTO: Fixo dous porquiños que vivirán coma porcos deica morrer...
O FATO: ¡Deica morrer!
XUSTO: E o pobo será o seu cebadeiro e endexamais lle sacará o cebullo...
O FATO: ¡Endexamais, endexamais!
XUSTO: Todo o pasto será pra iles... E prós porcos fillos... E prós porcos netos... Será unha familia de porcos deica a eternidade...
O FATO: ¡Porcos, porcos, porcos!
...

29 de xaneiro de 2015

Fragmento de Agosto do 36, de Xosé Fernández Ferreiro.

Texto de Xosé Fernández Ferreiro, nado en Espartedo (Santa Cruz de Rubiacós, Nogueira de Ramuín) o 29 de xaneiro de 1931.


Sara xa non durmía na súa casa. Tiña medo e pasaba as noites cos pais. Os vellos estaban moi preocupados pola situación na que se atopaban a filla e mailo xenro, sempre temendo o peor. Aínda había ben pouco que celebraran os funerais por Agustín, o fillo que lles caera na fronte a pouco de comenzala guerra. Unha traxedia que latexaba no seu corazón e nas súas mentes, pois que mergullara en fonda dolor a toda a familia. E velaí que agora por riba lles viña aquela ameaza contra Gregorio. O de Agustín, anque lles doía, admitíano xa como inevitable porque era máis comprensible para eles. Viña ser case unha cousa natural: un soldado que morre na guerra. As guerras teñen esas cousas. ;Acaso non morerra na guerra de Cuba un irmán do señor Eleuterio, entre outros mozos do concello? Pero o de Gregorio non sabían aceptalo, non podían, porque para eles non tiña a "lóxica" do outro caso, da morte do fillo. 'Aquilo de que o quixesen 'pasear' resultáballes escuro e estraño, amais de cheirar a asasinato, algo que non collía no entendemento dos dous vellos."


...

28 de xaneiro de 2015

Fragmento de Adios María, de Xohana Torres

Sexto e último aviso: Escribe escribe ben o que che pasará se segues comendo as unllas ademais non as leva o estómago ademais fan unha bóla no apéndice, se che dá un retorzón apañaremos todos ademais.

(...)

27 de xaneiro de 2015

Inicio de CARTAS POLO MAR PARA UN MORTO CHAMADO LUIS PIMENTEL, de Bernardino Graña

I
Perto de todo, Luís, estás na terra.
Auga, aire, fogo, terra eres agora.
Nada virá a entrubarte. Estás seguro.
Ben gardado estás ti, rabia abafada.

Corpo de Compostela e Lugo e todas
as cidades e os homes e as estrelas,
descansa en tanto nós seguir, seguimos,
loucamente, en tranvías e en mil cousas.

26 de xaneiro de 2015

TUA ROITA de Manuel Cuña

Eramos camaradas dun mesmo camiño.
Malia que a hora chegou sin consolo ou axuda, atopounos dispostos;
nosas roitas distintas serían e o impulso inicial
cada un afirmou ao seu xeito.

Avivache o alento que alcende nas tebras os sonos
e a tua voz derrubouse entre unha renuncia e un so escomenzo:
remexeron as ágoas o sangue dunha antiga pracenta
que os teus pasos, perdidos, limparon. E nas mans o teu froito
cinza crara tornouse. Non servíu a semente pra o anxo que cuida das nosas roseiras.

25 de xaneiro de 2015

Apocalipse no taller

Entro cun compañeiro no taller de mecanizado, el sentase e empeza a facer unha peza nun torno e eu quedo a falar con el sen facer nada.

Ando pola clase e o propio lugar vai cambiando ao mesmo tempo que me dou conta de que o meu compañeiro tamén cambia e de súpeto lanzase contra min coma un zombi famélico. Eu collo o primeiro obxeto que vexo, golpeo e morre. A súa carne e osos parecían moito máis brandos do normal, pero había máis xente na clase, cada vez van xurdindo máis zombis. Por algún motivo algúns téñenme moito parecido a personaxes dos Simpson.

Eu sigo golpeando indiscriminadamente, pero os obxetos que uso esnaquizoos, collo cada ves unha arma nova, tamén encontro varas de madeira e mato algún con ela.
O escenario xa esta cambiado, agora o recinto esta cheo de caixas de cartón coas que choco, os zombis tamén usan as caixas para moverse entre elas, un deles sae dunha a medio metro miña e eu co primeiro que pillo fago o seu craneo añicos saltando todos os sisos no aire.

O escenario volve cambiar, agora estou loitando contra os zombis nun galiñeiro, síntome moi atrapado e axitado porque doume de conta de que so teño preto unha mini porta das galiñas para saír e inda estaba pechada, os zombis seguen por min e non me quedan armas, entón no medio do alboroto collo un galo grande polas patas e empezo a golpear zombis con el.

FIN

cazandosonos.blogspot.com

24 de xaneiro de 2015

Fragmento de Filosofía da saudade, de Ramón Piñeiro

Cando se trata de caracterizar a personalidade colectiva de Galicia ou de Portugal, as palabras "saudade" e "lirismo" sempre resultan ser as preferidas, talmente coma se traducisen mellor que ningunha outra os trazos da nosa fisionomía espiritual que chaman a atención dos demais. Pola amplitude e a insistencia con que se produce, este feito ten para nós un significado orientador, porque é indubidable que as observacións ou os xuízos que os outros fagan de nós tenderán a destacar aquilo que en nós vexan de máis privativo, de máis peculiar. Como queira que, tanto na orde individual coma na colectiva, aprendemos a nos descubrir, a nos coñecer a nós mesmos por medio dos demais, en contraste cos demais, eses trazos que nos sinalan, eses trazos que os demais ven en nós, teñen, non cabe dúbida, un significado orientador para as nosas tentativas de auto-coñecemento.
...

23 de xaneiro de 2015

Fragmento de Códice Calixtino, de Luz Pozo Garza

EVOCACIÓN DUN VELLO PIANO

Aquel vello piano noite e tempo
de madeiras exóticas que cercaban a infancia
conserva a transparencia do primeiro Chopin
nun reino fuxitivo onde pasan as sombras en claves
sucesivas.

O teclado sostiña a presión inocente
dunha man coraa arxila
un hálito de lágrimas
minúsculas
escalas amarelas ventás impasibles
intervalos de sílabas
celestes.

...

22 de xaneiro de 2015

20 de xaneiro de 2015

Fragmento de Branca de Loboso

Texto de Xesús Rábade Paredes, nado en Seixas (Cospeito) tal día como hoxe, 20 de xaneiro, de 1949.

En Outeiro de Rei, conducida por dous homes do lugar que din de Trobo, e seguindo ordes dadas de Servando de Saavedra, Branca de Loboso, que era nova e fermosa rapariga, foi interrogada e torturada pola xustiza secular da referida vila, e anque non confesou a moi coitada, soportando con valor humillacións e dores, determinárase acusala, por autoinculpación, "de bruxería e meiguería, de ter co demo pacto de alianza e crenza cega nel, e de apostasía contumaz na fe".
...

19 de xaneiro de 2015

Fragmento de Os dados de Deus, de Arturo Lezcano.

Arturo Lezcano Fernández naceu en Ourense en 1939, xornalista e escritor galego.

"JUBILEE" EN WINDSOR

Benqueridos fillos:

Gardádevos de Londres. En canto teñades lido esta carta e nas vosas mans o colar de diamantes, estaredes en perigo.

Gardádevos de Londres, un consello que de seguro vos estrañará vindo do voso pai, sempre tan teimoso co seu Londres e os seus británicos.
Por iso, e porque axiña xa non vos lembraredes ben nin do meu rostro, contareivos o máis brevemente posible o día no que lle roubei o colar de diamantes á raíña Victoria, na estación de Windsor e no seu Jubilee.

...

18 de xaneiro de 2015

Cantares de cando o amor era novo

O amor foi o primeiro tema da literatura escrita en galego, hai xa 900 anos. A través de diferentes xéneros poéticos, formados a partir da vella raigame da tradición oral e dos salóns das cortes os poetas da lírica galego-portuguesa compuxeron centos decantigas dedicadas ao máis fecundo dos temas literarios da historia.

Ome que gran ben quer molher

Vasco Fernandez Praga de Sandin

Ome que gran ben quer molher
gran dereit' á de trist' andar;
ca se lh' ela non quer prestar,
al do mundo non lh' á mester.
Mais ¿que mester lhe pod' aver
o que lhe non pode tolher
tal cuita como sigo ten?

E se est om', a que Deus quer
per algÛa ventura dar
d' ela algun ben, log' a cuidar
dev' esto (se scient' ouver')
ca inda o á de perder,
e creo que dev' a morrer,
se o cuidar', con pesar én.

E tod' ome que se poder'
per algÛa guisa guardar
de nunca molher muit' amar,
fará bon sen, se o fezer';
que, enos dias que viver',
¿que pesar pode já prender
eno mundo per outra ren?

Mais quen s' én ben guardar quiser',
guarde-se ben de ir a logar
u veja o bon semelhar
da mia senhor, se lhe Deus der',
que a tal fez, end' o poder;
ca se o vir', log' á d' aver
mui gran cuita sen neun ben.

17 de xaneiro de 2015

Carreira Continua

Eu estou esposado baixando unhas escaleiras, nunha sala de interrogatorio. Déixanme cunha persoa que coñezo pero non podo recordar quen é. Os policias marchan da sala e deixanos sos.

Tras unha manobra descoñecida libérome das esposas, ignoro o que me di o home e saio rapidamente pola primeira porta que vexo, tras ela unha sala valeira, sen dilación sigo ata a seguinte porta e ábroa, so podía pensar en escapar.

Pasando a porta entro nun pub con música, cubatas e xente de festa, non me deteño e esquivo ao persoal ata a porta da rúa.

Ao saír encontrome de cheo no epicentro dunha revolta popular, cocteles molotov, policías a garrote limpo e cidadáns apaleados, eu prosigo o meu obxetivo e sigo correndo.

Tras unha larga carreira encóntrome so correndo nunha ancha rúa de casas con cadelos ladrando ao meu paso, eu non me deteño e sigo cara a plena escuridade.

Estou exhausto no medio do bosque, por motivos descoñecidos teño que esconder algo nunha caixa de surtido de Cuetara debaixo dun feixe de leña.

Seguen buscándome, estou preto dun camiño e un coche militar achegase, ao velo tírome no chan e permanezo inmóbil. Entón percatome de que levaba por sorte unha camiseta verde que me axudaba na camuflaxe. O vehículo pasa a carón meu, a un metro miña, unha potente sensación de medo apodérame, o condutor abre a porta e sae. Mentres conversa co compañeiro, empeza a mexar de espaldas a min, dáse a volta e entra de novo no automóbil sen verme.

Xa pasou o perigo, é de día, no meu camiñar vexo ao lonxe un coche militar estacionado preto dunha ponte grafitada, o xefe da operación contra min estaba alí sentado sobre o capó mentres falaba cunha muller que vivía nunha cabaña preto, falaban do fracaso da operación, ao mesmo tempo o home estaba entreténdose lanzando unhas pequenas granadas do tamaño dun chisqueiro a uns porquiños que pastaban diante.
~ ~ ~ ~
Recollido de cazandosonos.blogspot.com.es

16 de xaneiro de 2015

INICIO DE GUIA DO AUTOESTOPISTA GALACTICO

GUIA DO AUTOESTOPISTA GALACTICO
Douglas Adams

Nos remotos e inexplorados confíns do arcaico extremo occidental da espiral da galaxia, brilla un pequeno e despreciable sol amarelado.
Na súa órbita, a unha distancia aproximada de cento cincuenta millóns de quilómetros, vira un pequeno planeta totalmente insignificante de cor azul verdoso cuxos poboadores, descendentes dos simios, son tan asombrosamente primitivos que aínda cren que os reloxos de lectura directa son de moi bo gusto.
Este planeta ten, ou mellor dito, tiña o problema seguinte: a maioría dos seus habitantes eran infelices durante case todo o tempo. Moitas solucións suxeríronse para tal problema, pero a maior parte delas referíanse principalmente aos movementos de pequenos anacos de papel verde; cousa estraña, xa que os pequenos anacos de papel verde non eran precisamente quenes sentían infelices.
De maneira que persistiu o problema; moitos eran humildes e a maioría considerábanse miserables, incluso os que posuían reloxos de lectura directa.
Cada vez eran máis os que pensaban que, en primeiro lugar, cometeran un gran erro ao baixar das árbores. E algúns afirmaban que o das árbores fora unha equivocación, e que ninguén debería saír dos mares.
...

15 de xaneiro de 2015

Aforismos de Leonardo

173.- A calor é causa do movemento do húmido; e o frío, da súa inmobilidade; así se observa na rexión fría do aire, que detén as nubes. 

14 de xaneiro de 2015

Fragmento das Cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín

A biblioteca é enorme. Libros do piso ata o teito enchendo dúas paredes e media. A cuarta parede non é tal senón unha grande fiestra de vidros debuxados que, polo centro, permite o acceso a un fermoso corredor cheo de plantas.

A media parede que falta está ocupada pola porta que usaron a criada e mailo señor Lamote.

—Agarde, se fai o favor... Se quere pódese sentar.

...

13 de xaneiro de 2015

Fragmento de Pensa Nao, de Anxo Angueira

Fragmento de Pensa Nao, de Anxo Angueira Viturro, nado en Manselle (Dodro) o 13 de xaneiro de 1961.

Ismael da Pedra fai o reparto da auga de rega desde que chegou de Bos Aires. A auga das fontenlas e nacentes de Cal de Barcas empózase desde tempo inmemorial e foi regando e enriando de todo. O pozo do Corgo, o do Cual, o de Ermosende e o da Candeira regan para alá de Tras do Rego, este ano no restebo. Os sete pozos do monte, Rañadoiros, Focos, Anterregos..., regan para aquén, no temperán. Cada pozo ten seu agro e as leiras contadas. Ismael da Pedra computa o sementado que hai para cada pozo e reparte de catro a catro a rolda enteira de cada día e cada noite en horas e minutos segundo os veciños teñan nel ferrados e cuncas. A auga baixa do pozo do monte por un sarillo de regos que pasan camiños, arrós, pontellas, corredoiras. 
...

12 de xaneiro de 2015

Fragmento de Poesía Galega, de Miguel González Garcés

Texto de Miguel González Garcés, nado na Coruña o 12 de xaneiro de 1916.

"AS MENINAS", DE VELÁZQUEZ

A luminosa Infanta.
O escorzo do bufón e das meninas.
A estúpida patética.
O grande can que pensa
entre a monstruosidade, a dor e o servilismo.
O aire, o aire, o aire, a transparencia...

...

11 de xaneiro de 2015

JOÁN GARCÍA DE GUILHADE

JOÁN GARCÍA DE GUILHADE [B 1490 / V 1101]

Martín jograr, que gran cousa:
ja sempre convosco pousa
vossa molher!

Veedes-m'andar morrendo,
e vós jazedes fodendo
vossa molher!

Do meu mal non vos doedes,
e moir'eu, e vós fodedes
vossa molher!

10 de xaneiro de 2015

Fragmento de Expediente Artieda

Expediente Artieda foi escrito por Luis Rei Núñez, nado na Coruña en 1958.

-O Deportivo volveu fichar a Dagoberto Moll -Mungo nunca perdoa unha parolada sobre fútbol, e hoxe é boa a colleita de noticias frescas-. Tráeo o novo adestrador, Ernesto Pons, para que mande no terreo de xogo.
-E un xogador acabado -Odilo entra ó trapo, e eu seime condenada a asistir a unha nova entrega do serial inescusado, tamén interminable, das xoldas masculinas-. Mellor nos iría poñendo a xogar a rapaces coma ese Amancio ó que descubriron na Liga de Modestos.
—¿De que xoga? —tercia Mamede, máis por non quedar de bicho raro que por verdadeiro interese no asunto.
—É extremo -aclara Mungo-. No Victoria facíao bárbaro, e o seu posto non o cobre con garantías Polo; pero eu malíciome que Pons non ten o que hai que ter para ofrecerlle oportunidades no primeiro equipo.

...

9 de xaneiro de 2015

8 de xaneiro de 2015

Fragmento de Miss Ourense, de Bieito Iglesias

Fragmento de Miss Ourense, de Bieito Iglesias, autor nacido o 8 de xaneiro de 1957 en Ourense.

Precisamente andaba dun humor endiañado. Un asunto doméstico insignificante provocara unha rifa coa muller. Despois da liorta, Tina foi pasear pola beira do río para tranquilizarse. Iso pensaba eu pero, segundo me contou logo, a piques estivera de guindarse á auga. Por certo que, nesa época, o Miño baixaba medrado, bruando coma un boi sen capar. Os meses de decembro e xaneiro chovera sen pausa, e os barrios baixos da cidade vianse alagados pola enchente. Todos estes sucesos non contribuían a erguer o ánimo. Comprenderase por que, dende que merquei La hoja del lunes no quiosco do Parque Infantil, nos locais comerciais que se abren á Avenida de Santiago, empecei a falar só, maiormente a blasfemar e renegar do mundo. 
...

7 de xaneiro de 2015

Fragmento de Galicia, de Francisco Fernández del Riego.

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá o 7 de xaneiro de 1913, e finou en Vigo o 26 de novembro de 2010.

Deixan os viaxeiros as terras duras e ásperas de Monfero para voltar de novo á estrada xeral. Diríxense agora cara ao vedraño Brigantium Flavium da época romana. Non tardan en entrar na cidade de Betanzos. Érguese no que no século XII se coñecía co nome de Castrum de Untia. A fortaleza defendía a vila, situada por onde hoxe se estende a parte antiga da localidade. Circúndana o Mendo e o Mandeo, que aquí teñen característica de ría. Reflíctese nela a historia das Mariñas, rica terra e rico mar. Historia que foi un tecido de brigas nobiliarias, monásticas e municipais.
Ocupa Betanzos unha situación de privilexio. No seu castro, a cidade amosa rúas arcaicas de saudosa beleza. Na paisaxe de esteiro que a cingue, o Mandeo espreguízase entre fermosas ribeiras. Coas súas igrexas, pazos e casarío, cobre o cabezo e a aba do outeiro. Os tres armoricanos séntense enfeitizados no ambiente da que fora Corte do rei de Galicia don García, e capital dunha das sete provincias galegas do Antigo Réxime. Expresan a súa admiración fronte ao conxunto de empinadas e sorprendentes rúas, soportais, prazas, casas brasonadas. Á par das quenllas encostadas, das praciñas cheas de beleza, pásmaos a gracia das galerías e solainas sobre a vella ría.

Alentan os viaxeiros en Betanzos unha clara e viva antigüidade. A ponte vella, onde foron os peiraos de antano, mira pasar as escuras augas do río. Polas escaleiras do adro de San Francisco chegan ao recinto no que dormen, cos seus osos e xabarís totémicos, os príncipes de Andrade soñando cazatas e batallas. A igrexa de Santiago ocupa o sitio más empoleirado e visible da cidade. Ten un interior maxestoso, de estilo oxi-val, con fortes resaibos románicos. A de Santa María do Azougue conta cunha magnífica portada do século XIV.

Logo de contemplar de pasada estes monumentos, Ramón Sanfiz tenta situar aos seus compañeiros no marco histórico que están a visitar. Dilles que a comarca brigantina abranguía toda a terra de Nendos, Mandeo abaixo, e a Mariña dos Condes. As grandes liñaxes do país tiveron nas Mariñas os seus pazos patruciais. No antigo dividíanse en Mariñas dos Freires e Mariñas dos Condes. Pero a división baseábase tamén en diferencias xeográficas. Participa a comarca do mar, no seu aspecto de penetración íntima na terra, e de abrigado val inferior. 

...

6 de xaneiro de 2015

UNHA VEZ de Celso Emilio Ferreiro

Un 6 de xaneiro de 1912 nacia Celso Emilio Ferreiro.

Unha vez houbo un home
que nunca dixo meu.
Petou nas portas do mundo,
chamou no meu corazón.
Falaba con palabras
que semellaban pombas.
As cousas á súa beira
púñanse brancas.
Nascíalle nos ollos un abrente
coma un río de luz,
ou coma un mar lonxano de gueivotas.
Un bálsamo de amor
tiña aquil home
pra ista miña dor
sin nome.

5 de xaneiro de 2015

Cantiga de Nadal

Sei cantare, sei bailare
sei tocala pandeireta
O meniño que hoxe nace,
leve música completa...

4 de xaneiro de 2015

Cantiga de nadal

Se souberan os meus amiguiños
o que naceu en Belén
Eravos un meniño, tan pequeniño
como un gran de millo

3 de xaneiro de 2015

2ª Parte de 20.000 leguas de viaxe baixo os mares (e XCIII)

23. Conclusión
Así concluíu esta viaxe baixa os mares. Imposible é dicir o que ocorreu aquela noite, como o bote puido escapar ao formidable bulebule do Maelström, como Ned Land, Conseil e eu saímos do abismo. Cando volvín en min, acheime deitado na cabana dun pescador das illas Lofoden. Os meus dous compañeiros, sans e salvos, estaban xunto a min e estreitábanme as mans. Efusivamente, abrazámonos.
Nestes momentos non podemos aínda regresar a Francia. Son raros os medios de comunicación entre o norte e o sur de Noruega. Véxome, pois, forzado a esperar o paso do vapor que asegura o servizo bimensual do cabo Norte.
É, pois, aquí, no medio destas boas xentes que nos recolleron, onde reviso o relato destas aventuras. É exacto. Nin un só feito foi omitido, nin un detalle foi esaxerado. É a fiel narración desta inverosímil expedición baixo un elemento inaccesible ao home, e cuxas rutas fará libres algún día o progreso.
Creráseme? Non o sei. Pouco importa, despois de todo. O que eu podo afirmar agora é o meu dereito a falar destes mares baixo os que, en menos de dez meses, percorrín vinte mil leguas; desta volta ao mundo submarino que me revelou tantas marabillas a través do Pacífico, do Índico, do mar Vermello, do Mediterráneo, do Atlántico e dos mares austrais e boreais.
Que sería do Nautilus? Resistiu ao abrazo do Maelström? Vivirá aínda o capitán Nemo? Proseguirá baixo o océano as súas terribles represalias ou lles puxo fin con esa última hecatombe? Restituirannos as ondas algún día ese manuscrito que encerra a historia da súa vida? Coñecerei, ao fin, o nome deste home? Diranos o buque desaparecido, pola súa nacionalidade, cal é a nacionalidade do capitán Nemo?
Eu espéroo. Espero tamén que o seu potente aparello vencese ao mar no seu máis terrible abismo, que o Nautilus sobrevivise alí onde tantos navíos pereceron. Se así é, se o capitán Nemo habita aínda o océano, a súa patria adoptiva, ogallá poida o odio tranquilizarse no seu feroz corazón! Que a contemplación de tantas marabillas apague nel o espírito de vinganza! Que o xusticieiro bórrese nel e que o sabio continúe a pacifica exploración dos mares! Se o seu destino é estraño, é tamén sublime. Non o comprendín eu mesmo? Non vivín eu dez meses esa existencia extranatural?
Por iso, á pregunta formulada hai seis mil anos polo Eclesiastés: «Quen puido xamais sondar as profundidades do abismo?», dous homes entre todos os homes teñen o dereito de responder agora. O capitán Nemo e eu.
FIN

2 de xaneiro de 2015

ISAAC ASIMOV - ASNOS ESTUPIDOS

É dous de xaneiro. Día para lembrar o aniversario de Isaac Asimov

ISAAC ASIMOV - ASNOS ESTUPIDOS

Naron, da lonxeva raza rixeliana, era o cuarto da súa estirpe que levaba os anais galácticos. Tiña no seu poder o gran libro que contiña a lista das numerosas razas de todas as galaxias que adquiriran o don da intelixencia, e o libro, moito menor, no que figuraban as que chegaran á madurez e posuían méritos para formar parte da Federacion Galáctica. No primeiro libro tacharan algúns nomes anotados anteriormente: os das razas que, polo motivo que for, fracasaran. A mala fortuna, as deficiencias bioquímicas ou biofísicas, a falta de adaptación social cobrábanse o seu tributo. Con todo, no libro pequeno non houbera que tachar xamais ningún dos nomes anotados. Naquel momento, Naron, enormemente corpulento e incriblemente ancián, levantaba a vista, notando que se achegaba un mensaxeiro.
 -Naron -saudou o mensaxeiro-.Gran señor!
 -Bo, bo, que hai? Menos cerimonias.
 -Outro grupo de organismos chegou á madurez.
 -Estupendo. Estupendo. Actualmente ascenden moi aprisa. Apenas pasa ano sen que chegue un grupo novo. Quen son eses?
 O mensaxeiro deu o número crave da galaxia e as coordenadas do mundo en cuestión.
 -Ah, si -dixo Naron-. O conoco. -E con boa letra cursiva anotou o dato no primeiro libro, trasladando daquela o nome do planeta ao segundo. Utilizaba, como de costume, o nome baixo o cal era coñecido o planeta pola fracción máis numerosa das súas propios habitantes. Escribiu, pois: A Terra. -Estas criaturas novas -dixo logo- estableceron unha marca. Ningún outro grupo pasou da intelixencia á madurez tan rapidamente. Non será unha equivocación, espero.
- De ningún modo, señor - respondeu o mensaxeiro.
- Chegaron ao coñecemento da enerxía termonuclear, non é certo?
-Si, señor. -Ben, ese é o requisito. -Naron soltaba unha risiña-. As súas naves sondarán pronto o espazo e poranse en contacto coa Federación.
-En realidade, señor -dixo o mensaxeiro con renuencia-, os Observadores comunícannos que aínda non penetraron no espazo.
Naron quedou atónito.
-Nin pouco nin moito? Non teñen sequera unha estación espacial?
-Aínda non, señor.
-Pero se posúen a enerxía termonuclear,onde realizan as probas e as explosións?
-No seu propio planeta, señor.
Naron ergueuse nos seus seis metros de estatura e tronou:
-No seu propio planeta?
-Si, señor.
Con xesto pausado, Naron sacou a pluma e tachou cunha raia a última anotación no libro pequeno. Era un feito sen precedentes; pero é que Naron era moi sabio e capaz de ver o inevitable como ninguén na galaxia.
-Asnos estúpidos!- murmurou.

Fin. 

Comentario de Isaac: Témome que este é outro conto con moralexa. Pero verán vostedes, o perigo nuclear escalou puntos cando Estados Unidos e a Unión Soviética, cada un pola súa banda, construíron a bomba de fusión, ou de hidróxeno. Eu volvía estar amargado.

1 de xaneiro de 2015

Propósitos para o Novo ano

Neste ano 2015 buscaremos modificar moitas das actividades de Palaestra, que recentemente cambiou a súa Xunta Directiva, para asumir estes cambios.
No tocante a este blog, daremos maior importancia a espazos para os afeizoados á escritura membros de Palaestra.
Agardamos que os cambios sexan do voso agrado.