Os romanos recoñeceron a personalidade étnico-cultural do Noroeste peninsular e déronlle estructuración político-administrativa ó convertelo nunha das provincias do Imperio. E déronlle tamén o nome —Gallaetia—, que chegou ós nosos días. A romanización subiu do Sur, ascendeu da Bética a Mérida, a Brácara, a Lucus e a Astúrica. A Galecia —o territorio dos galegos— tiña para os romanos dous centros importantes: Braga, na Galecia do Sur, e Lugo, na Galecia do Norte. Pero o centro cultural da romanización era Braga, como ocorreu máis tarde coa cristianización, que seguiu o mesmo camiño, pois tamén tiña en Braga o seu foco principal de irradiación.
...