31 de xaneiro de 2016

JOÁN VELHO DE PEDROGÁEZ

JOÁN VELHO DE PEDROGÁEZ [B 1609]

Con gran coita, rogar que m'ajudasse
a ua dona fui eu noutro día
sobre feito dua capelanía;
e disso-m'ela que me non coitasse:
«Ja sobre min filhei o capelán,
e, poi-lo sobre min filhei, de pran
mal faría, se o non ajudasse».

E dixi-lh'eu: «Mui gran fiúza tenho,
pois que én vós filhastes o seu feito,
de dardes cima a todo seu preito».
E diss'ela: «Eu de tal logar venho,
que, poi-lo capelán, per bõa fe,
sobre min filh', e seu feit'en min é,
ajudá-l'-hei, poi-lo sobre min tenho».

E dixi-lh'eu: «Que vós do vosso filho
prazer vejades, que vós me ajudedes
o capelán que vós mester havedes».
E diz ela: «Per vós me maravilho:
que havedes?, ca, poi-lo eu filhei
ja sobre min, verdade vos direi:
ajudá-l'-hei, poi-lo sobre min filho».

E dixi-lh'eu: «Non queirades seu dano
do capelán, nen perca ren per mingua
en sa ajuda, e poede lingua».
E diss'ela: «Farei-o sen engano,
ca ja en min meteu do seu i ben;
e, pois que todo assí en min ten,
se o non ajudar, farei meu dano;

Ca non quer'end'eu outr'escarmentar
que me dé do seu, polo ajudar,
quand'hei mengua da cousa que non tenho».

30 de xaneiro de 2016

Inicio de O HOME QUE NUNCA CHEGABA A MOZO

O HOME QUE NUNCA CHEGABA A MOZO
Fritz Leiber

Maot estase impacientando. Moitas veces, ao caer da tarde, encamíñase lentamente onde a terra negra atópase coa area arnarwa e alí queda, avizorando o deserto, ata que empezan a soprar os ventos.
Eu en cambio sinto de costas ao biombo de canas e contemplo o Nilo.
Non é unicamente porque está a chegar a mozo. Tamén empeza a hastiarse dos campos. Deixa ao meu coidado as tarefas de labranza e prodiga a súa atención ao rabaño. Cada día leva as cabras e as ovellas máis lonxe a pastorear.
Eu estiven vendo os síntomas durante moito tempo. No transcurso das últimas xeracións os campos cultivados volvéronse cada vez máis escasos e regados con menos dilixencia. Diríase que chove máis a miúdo. As casas tornáronse máis simples, meras tendas cercadas por muros. E cada ano hai
algunha familia que recolle os seus rabaños e emprende a lenta marcha cara ao oeste.
Por que aferrarme tan tenazmente a estas pobres reliquias de civilización, eu que vin aos homes do rei Keops desarmar pedra por pedra a Gran Pirámide e transportala de novo ás montañas?
Pregunteime a miúdo por que eu nunca chego a mozo. Ese feito é aínda para min un misterio tan grande como o dos labregos de tez morena que axeonllan con medorenta veneración cando paso ao seu lado.
Envexo aos que chegan a mozos. Soño con desprenderme desta casca de sensatez e responsabilidade, con zambullirme nun período de amores borrascosos e paixóns intensas, os anos felices que preceden ao fin.
Pero sigo sendo un home barbado duns trinta anos, e visto hoxe a pel de cabra como outrora vestín o xubón ou a toga, sempre a piques de dar o gran salto, pero sen chegar xamais a dalo.
Teño a impresión de que sempre fun así. Nin sequera podo lembrar o meu propio desenterro, e iso é algo que todo o mundo lembra.
...

29 de xaneiro de 2016

Fragmento de Agosto do 36, de Xosé Fernández Ferreiro.

Texto de Xosé Fernández Ferreiro, nado en Espartedo (Santa Cruz de Rubiacós, Nogueira de Ramuín) o 29 de xaneiro de 1931.

As xentes estaban asustadas. Soamente saían das súas casas para face-los traballos máis indispensables. Todos eran a arrepiarse cando chegaban os ecos dos disparos. Uns ecos que baixaban da serra, encaixados por regatos e valgadas, coma ferintes coitelos.
Os rapaces tamén andaban entristecidos e non saían como tiñan por costume a xogar ós camiños, á eira, entre os hórreos e as medas... Acubillábanse á beira dos maiores e escoitaban calados, apouvigados, as escasas palabras que pronunciaban sobre o que estaba acontecendo, do que soamente se falaba na intimidade do fogar, alí onde ninguén de fóra puidese oír nada. Había temores e receos de todo e de todos, especialmente de Lázaro e dalgún veciño máis, que subían e baixaban polo lugar como escoitando ou espiando. Ou polo menos iso semellaba.

...

28 de xaneiro de 2016

Aforismos de Leonardo

217.- A xema do ovo está no medio da clara, sen caer de ningún lado. Ela é ou máis lixeira, ou máis pesada, ou de igual densidade que a clara. Se é máis lixeira, debería elevarse sobre toda a clara e deterse cando estivese en contacto coa casca; se fose máis pesada, debería descender; e se fóra de igual peso podería estar nun dos extremos, como no medio ou máis abaixo.

27 de xaneiro de 2016

Fragmento de "Unha árbore, un adeus" de Marina Mayoral

Díxenlle que si, que estaba namorada de Fernando e sentín unha pena moi fonda. Pena por el, por min, por todos nós, porque nese intre preciso intuín por primeira vez algo que o tempo confirmou: que o mundo está mal feito, que a vida é un xogo cruel no que todos somos perdedores. Paco ergueu a testa como se tragase un grolo, dixo: "Adeus, Laura", volveu as costas e foise. Eu fiquei no portalón ata velo desaparecer polo camiño. Sempre volvía a testa para dicirme adeus coa man antes de virar para a corredoira, pero aquel día non o fixo...

26 de xaneiro de 2016

Cavilando

Sinto noxo de compartir especie cos dous animais almerienses de 22 e 19 anos que están a ser investigados por matar hai uns días a 70 lechóns de xeito brutal (mellor non digo como) e gravalo en whatsapp. Ante actos deste tipo falla a nosa sociedade no seu conxunto, ao non ser capaz de infundir aos seus mozos o respecto máis elemental pola vida. Violencia, maldade, banalidade...

DGM

25 de xaneiro de 2016

Aristóteles

É preciso preferir a soberanía da lei á dun dos cidadáns.

Aristóteles

24 de xaneiro de 2016

JOÁN VÁSQUIZ DE TALAVEIRA

JOÁN VÁSQUIZ DE TALAVEIRA [B 1546]

O que veer quiser, ai, cavaleiro,
María Pérez, leve algun dinheiro;
senón, non poderá i adubar prol.

Quena veer quiser ao serão,
María Pérez, lev'algu'en sa mão;
senón, non poderá i adubar prol.

Tod'home que a ir queira veer suso,
María Pérez, lev'algo de juso;
senón, non poderá i adubar prol.

23 de xaneiro de 2016

10 regras sobre a lectura de Theodore Roosevelt

Os libros son todos moi bos á súa maneira, nós amámolos aquí, pero os nenos son mellores que os libros.

22 de xaneiro de 2016

10 regras sobre a lectura de Theodore Roosevelt

Necesitamos por encima de todo coñecer sobre a natureza humana, para saber as necesidades da súa alma; e son os grandes escritores imaxinativos, xa sexa de prosa ou de poesía, quen poden establecer esa natureza e esas necesidades como ninguén máis pode facelo.

21 de xaneiro de 2016

Aforismos de Leonardo

216.- Que a Terra non está no centro da órbita do Sol nin no centro do mundo, senón no medio dos seus elementos, a ela unidos e que a acompañan; e que, a un observador colocado na lúa cando ela e o Sol están debaixo de nós, esta nosa Terra co seu elemento acuoso, parecería facer o oficio que fai a Lúa para nós. 

20 de xaneiro de 2016

Fragmento de Branca de Loboso

Texto de Xesús Rábade Paredes, nado en Seixas (Cospeito) tal día como hoxe, 20 de xaneiro, de 1949.


Antonio Aldán e Cangas, procesado en 1619 baixo os cargos de menciñeiro astrólogo polo tribunal do Santo Oficio de Santiago, sería condenado anos despois, en sentencia solemne, a morrer derretido na fogueira. A simple deposición de vinte testemuñas, entre as que se contaban as de don Servando Fontes, arcipreste de Saavedra, e as da súa querida Antonia de Loboso, nai de Branca de Loboso e Leboráns e sogra que ía ser do infeliz encausado, foi considerada como proba irrefutable —ratificada, claro, polo reo no potro de torturas— de que Toño de Aldán tiña enxendrado co seu seme en mulleres multitude de seres demoníacos que hoxe proseguían a obra de Satán por todos estes reinos.
...

19 de xaneiro de 2016

10 regras sobre a lectura de Theodore Roosevelt

A nosa non é de ningunha maneira a biblioteca dun coleccionista. Cada libro foi adquirido porque alguén da familia quería lelo. Nunca poderiamos darnos o luxo de pernsar moito sobre o seu aspecto exterior, interesábannos demasiado as súas entrañas.

18 de xaneiro de 2016

10 regras sobre a lectura de Theodore Roosevelt

De cando en vez pregúntanme... que libros debería ler un estadista? e a miña resposta é poesía e novelas -incluíndo contos curtos baixo o título de novelas.

17 de xaneiro de 2016

JOÁN VÁSQUIZ DE TALAVEIRA

JOÁN VÁSQUIZ DE TALAVEIRA

Direi-vos ora que oí dizer
de María Leve, assí haja ben,
pola manceba, que se desavén
dela; e, pois lh'alí non quer viver,
ena Moeda Velha vai morar
Dona María Leve, a seu pesar;

Ca atal dona com'ela guarir
non pod'alí, se manceba non ha;
e vedes que oí, amigos, ja:
que, pois que se lh'a manceba quer ir,
ena Moeda Velha vai morar
Dona María Leve, a seu pesar;

Ca diz que morara alí mal, ai!,
poi-la manceba sigo non houver,
e contra San Martinho morar quer;
pola manceba que xi lh'ora vai,
ena Moeda Velha vai morar
Dona María Leve, a seu pesar;

Ca non pod'a manceba escusar,
se na Moeda Velha non morar.

16 de xaneiro de 2016

10 regras sobre a lectura de Theodore Roosevelt

Os libros son tan individuais como os amigos. Non existe uso terreal en establecer regras xerais sobre eles. Algúns cumpren coas necesidades dunha persoa, e outros doutra; e cada persoa debería ser consciente do pecado dominante dos amantes dos libros, o que o señor Edgar Allan Poe chama o orgullo tolo da intelectualidade, que toma forma de piadosa arrogancia cara ao home que non lle gusta o mesmo tipo de libros.

14 de xaneiro de 2016

Aforismos de Leonardo

215.- Se miras as estrelas libres de toda irradiación (o que pode conseguirse observándoas a través dun pequeno buraco feito coa punta dunha agulla delgada e colocado case tocando o ollo), comprobarás que elas son de tan mínimas dimensións que nada menor pode concibirse. 
A gran distancia que nos separa das mesmas é realmente a causa da súa proporcional diminución, por máis que moitas desas estrelas sexan de magnitude infinitamente superior á nosa Terra. 

13 de xaneiro de 2016

Fragmento de Pensa Nao, de Anxo Angueira

Fragmento de Pensa Nao, de Anxo Angueira Viturro, nado en Manselle (Dodro) o 13 de xaneiro de 1961.

O Señorito anda do balcón para a biblioteca despois de le-lo marteiro de Santa Mariña de Augas Santas e non lle san da cabeza os tormentos nas delicadas carnes da Santa por se non converter esta á veneración dos deuses romanos nin tampouco a decapitación final que mandou Olibrio por último recurso o dezaoito de xullo, aínda que no ano puntual non coinciden os nosos escritores nacionais. Anda do balcón á biblioteca e treme o Señorito polas Augas Santas agardando un prodixio trastempado que endexamais virá e treme ao abeirarse á noite que erguen as palmas da horta, columnas dunha vida que se pon a dar por fanada.
...

12 de xaneiro de 2016

Fragmento de Poesía Galega, de Miguel González Garcés

Texto de Miguel González Garcés, nado na Coruña o 12 de xaneiro de 1916.

A MADALENA DA "PIEDADE", DE TICIANO

O home, é o seu home que morreu.
¿Que lle importan xardíns do Paraíso?
O seu home está morto.
Verde o grito.
Voa, arelante, a man.
A cor loita coas tebras.
Só flamexa
o brado humano.


...

11 de xaneiro de 2016

10 regras sobre a lectura de Theodore Roosevelt

O lector, o amante dos libros, debe cumprir coas súas propias necesidade, sen prestar demasiada atención ao que din os seus veciños que debería ler.

10 de xaneiro de 2016

JOÁN SOÁREZ DE PAVIA

JOÁN SOÁREZ DE PAVIA

Ora faz host'o senhor de Navarra,
pois en Proenç'ést'el-Rei d'Aragón;
non lh'han medo de pico nen de marra
Tarraçona, pero vezinhos son;
nen han medo de lhis poer boçón
e riir-s'han muit'Endurra e Darra;
mais, se Deus traj'o senhor de Monçón,
ben mi cuid'eu que a cunca lhis varra.

Se lh'o bon Rei varré-la escudela
que de Pamplona oístes nomear,
mal ficará aquest'outr'en Todela,
que al non ha a que olhos alçar:
ca verrá i o bon Rei sejornar
e destruír ata burgo d'Estela:
e veredes Navarros lazerar
e o senhor que os todos caudela.

Quand'el-Rei sal de Todela, estr.a
ele sa host'e todo seu poder;
ben sofren i de trabalh'e de p.a,
ca van a furt'e tornan-s'en correr;
guarda-s'el-Rei, come de bon saber,
que o non filhe luz en terra alh.a,
e onde sal, i s'ar torn'a jazer
ao jantar ou senón aa c.a.

9 de xaneiro de 2016

10 regras sobre a lectura de Theodore Roosevelt

Persoalmente, os libros que me beneficiaron infinitamente máis que outros, foron aqueles nos cales o beneficio é un subproducto do pracer; é dicir, linos porque me gustaron, porque me gustaba ler e o beneficio chegou como parte da diversión.

8 de xaneiro de 2016

Fragmento de Miss Ourense, de Bieito Iglesias.

Fragmento de Miss Ourense, de Bieito Iglesias, autor nacido o 8 de xaneiro de 1957 en Ourense.

O capitán acompañoume á saída. No patio, un soldado con mandilete por riba do uniforme, afanábase en pintar un mural. Representaba o alzamento de bandeira, ó romper o día. As cores vermella e gualda ocupaban un amplo lenzo de parede e, ó pe do mastro, en posición de firmes, formaba a tropa. Os rostros foran tomados do natural, recoñecíase perfectamente o do propio capitán por un lunar negro e peludo que lucía na fronte. Preciso era admitir que o pintor esaxerara un chisco, agrandando o vulto ata o tamaño dun corno de cabra. O oficial —bastante amolado polo feito de que eu o tutease— achou a ocasión de facer valer os seus galóns. Apañou un bote de pintura e emborranchou todo o cadro, ordenándolle ó artista que empezase de novo. Naquel mesmo cuartel, nos meus tempos de milicia, un brigada chusqueiro castigárame por chegar tarde unha noite de farra. Tívome varios días contando as follas das árbores de sombra que medran no patio. Agora en pleno febreiro, as plantas, de aspecto plumoso dende a primavera ó outono, semellaban pitos escaldados.
...

7 de xaneiro de 2016

Fragmento de Galicia, de Francisco Fernández del Riego.

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá o 7 de xaneiro de 1913, e finou en Vigo o 26 de novembro de 2010.

Pasan despois os viandantes por Cea. Trátase dunha localidade situada en terreo chairo, e nun favorecido cruce de camiños. Partindo de aquí, o Renault chega de contado a Oseira. Ningún mosteiro de Galicia iguala en grandiosidade ao que agora os visitantes contemplan. Os montes que forman a valgada no fondo da cal se estableceu, amosan, a treitos, a súa osamenta granítica núa. Nese fondo ergueuse de primeiras a igrexa, que foi centro dun reducido cenobio. Posteriormente, co andar do tempo, formáronse a aldea e a vecindade ao seu redor. Desde o seu niño isolado, nos flancos da serra Martiñá, creou un sistema de camiños.
Ramón Sanfiz fornécelles novas da historia aos seus acompañantes. O alto val era no século XII un lugar inculto, salvaxe, frecuentado por animais feros. Catro monxes, que procedían de Claraval, xulgado axeitado o sitio para a vida contemplativa, fixeron morada nel. Os frades foron decruando as terras ermas, e levaron a cabo un importante labor de colonización. Medraron os seus bens no decorrer dos anos. O mosteiro, en consecuencia, chegou a acadar un moi significativo protagonismo. O primeiro en favorecer aos monxes foi o emperador Alfonso VII. Deulles terras abondo para que puidesen vivir, e desenvolver a súa actividade monástica.
Os bretóns senten unha especial curiosidade por aquel rei, tantas veces citado por Ramón Sanfiz durante o percorrido. Advírtelles este que xa o avó do emperador, o monarca Alfonso VI, dispensou axuda aos cluniacenses, esparexedores da cultura románica. Pero foi o seu neto quen intensificou
protección aos monxes, cando se produciu a reforma do Císter. A amizade e mailo apoio que lles dispensou Alfonso VII aos cistercienses, propiciou a fundación de importantes mosterios. Foi Galicia, sen dúbida, a máis privilexiada, pola afección do monarca á terra onde naceu e se formou.
A igrexa abadenga é unha das obras cumiantes ergueitas polos frades bernardos na península ibérica. Consérvanse aínda notables restos das primeiras estancias monacais, máis ou menos contemporáneas do grande templo orixinal. Na época barroca realizouse a reconstrucción do vello edificio. A igrexa reconstruída reflecte a mestura de formas foráneas coas suxeridas polas características do país. É renacentista a fachada, que se estima como unha das máis fermosas de Galicia. O templo ten unha xirola desenvolta, un amplo cruceiro a tres naves no brazo maior da cruz no que se desenvolve a súa planta. Ofrecé tamén testemuño de pintura mural pertencente ao barroco. En tempos recentes restauráronse as altas torres, así como boa parte da arquitectura conventual. Ramón Sanfiz lémbralles aos armoricanos que Oseira inspirou a Lamas Carvajal un dos seus mellores poemas, o titulado "O demo e a nai". Tamén o escritor Eduardo Blanco Amor situou no seu escenario algún dos motivos da súa novela Xente ao lonxe.

...

6 de xaneiro de 2016

MARÍA SOLIÑA de Celso Emilio Ferreiro

Un 6 de xaneiro, de 1912 nacía o autor Celso Emilio Ferreiro.

Polos camiños de Cangas
a voz do vento xemía:
ai, qué soliña quedache,
María Soliña.

Nos areales de Cangas
muros de noite se erguían:
ai, qué soliña quedache,
María Soliña.

As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai, qué soliña quedache,
María Soliña.

As gueivotas sobre Cangas
soños de medo tecían:
ai, qué soliña quedache,
María Soliña.

Baixo os tellados de Cangas
anda un terror de auga fría:
ai, qué soliña quedache,
María Soliña.

5 de xaneiro de 2016

4 de xaneiro de 2016

10 regras sobre a lectura de Theodore Roosevelt

"É tan ilimitado o campo de elección, que na miña mente parece absurdo tratar de facer catálogos onde se supón están todos os mellores pensadores. É por iso que non teño simpatía algunha cara ás listas do tipo Os Cen Mellores Libros, ou a Biblioteca de cinco pés [unha referencia aos Clásicos de Harvard]. Está ben para un home divertirse compondo unha lista dun centenar de libros moi bos... Pero non hai tal cousa como un centenar de libros que son os mellores para todos os homes, ou para a maioría dos homes, ou para un home durante toda a súa vida".

3 de xaneiro de 2016

JOÁN SOÁREZ COELHO

JOÁN SOÁREZ COELHO

Bon casament'é (pero sen gramilho
ena porta, de ferr') ua tendeira;
e direi-vos com'e de qual maneira:
pera ricome, que non pod'haver
filho nen filha, podé-l'-á fazer
con aquela que faz cada mes filho.

E de min vos dig', assí ben me venha,
se ricome foss'e grand'alg'houvesse
a quen leixar meu haver e mia herdade,
eu casaría, dig'a Deus verdade,
con aquela que cada mes emprenha.

E ben sería meu mal e meu dano,
per boa fe, e mia meos-ventura
e meu pecado grave sen mesura,
pois que eu con atal molher casasse,
se ua vez de min non emprenhasse,
pois emprenha doze vezes no ano.

2 de xaneiro de 2016

Roosvelt

Theodore Roosvelt, o presidente número 26 dos Estados Unidos, é quizais o presidente mellor lido desa nación, e certamente estaría nos primeiros lugares nunha clasificación mundial. Era un lector extraordinariamente rápido, o que lle permitía ler completamente un libro antes do almorzo e, segundo a súa axenda, outros dous ou tres na tarde. Segundo os seus propios cálculos, durante toda a súa vida leu decenas de miles de libros.

1 de xaneiro de 2016

Cita

Se puideses patear o traseiro da persoa que é responsable da maioría dos teus problemas, non te poderías sentar durante un mes.

Roosevelt