8 de xaneiro de 2014

Fragmento de Miss Ourense, de Bieito Iglesias

Fragmento de Miss Ourense, de Bieito Iglesias, autor nacido o 8 de xaneiro de 1957 en Ourense.

Hai días así, en que as amoladelas se asañan con un. Primeiro o coche que non acende por non sei que raio dos platinos, e despois a liorta cos veciños. Enriba de nós vive un matrimonio que anda sempre coma o can e o gato. Máis dunha vez tiven que subir a agarrar o tipo polas lapelas, para evitar que fendese os mobles cun machado e que lle batese á muller. Sen embargo, hai unha cousa na que o casal conxenia de marabilla: repúgnalles o peixe. Total, que cando fritimos as fanecas, sóbelles o tasto do aceite polo patio de luces e pintan a rabia. Ó tocar peixe de xantar eu como a escape, co perigo de que se me crave unha argana na gorxa, e marcho da casa a cen. Todo, antes de aturar as rifas que se arman de xanela a xanela. Ese día tentoume o demo, ou sexa, o arroz con leite do postre, a demorar máis da conta a comida, e vinme metido no enredo. Principiaron a discutir as mulleres, abouxando o patio con toda clase de lindezas, e axiña baixou o valente con mentes de engancharse comigo. Petou na porta e preguntou:
—¿Vostede coñéceme a min?
—¿E logo non o coñecía onte e antonte? Pois sígoo coñecendo e respectando.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario