28 de xaneiro de 2014

Fragmento de Pedra de Toque, de Vargas Llosa

Pero seica máis interesante aínda que o grandioso espectáculo que ten lugar no escenario da Grosses Festspielhaus (non menos de cen figurantes e uns coros multitudinarios) é o dos milleiros de espectadores que ateigan a platea e as galerías do local, vestidos de smoking os cabaleiros e as engalanadas damas rutilando de xoias e cheirando a exquisitas esencias, que pagaron entre trescentos e cincocentos dólares por asento, para vir deleitarse cunha obra concibida polos seus autores, no vórtice das grandes confrontacións ideolóxicas da República de Weimar, nos anos vinte, como unha fulminación incendiaria da utopía capitalista norteamericana, o soño mentireiro do éxito material ao alcance de todos e o culto desenfreado do dólar, o novo deus Mamón do século vinte, cuxo espellismo enalleante ocultaba un pesadelo de explotación, degradación dos costumes, imperio das mafias e da violencia gangsteril.

A xulgar polas expresións de respectuosa concentración durante as tres horas que dura a obra e os entusiastas aplausos con que premian a músicos, actores, cantantes e bailaríns, dá a impresión de que moi poucos, entre estes espectadores -altos executivos, profesionais de éxito, rentistas de alto voo, banqueiros, funcionarios de primeiro nivel, sirenas do jet set-, a encarnación mesma do capitalismo triunfante na súa expresión máis satisfeita e menos cohibida, advirten a deliciosa ironía de que son inconscientes protagonistas. Aquí están, divertíndose refinadamente cunha bela obra que foi concibida como un explosivo artístico, por un escritor e un músico que os odiaban con todas as forzas das súas conviccións e que, co enorme talento de que estaban dotados, traballaron empeñosamente para desaparecelos, xunto co sistema que lles permitiu chegar a esas alturas privilexiadas de vida cómoda e luxos artísticos de que gozan, a anos luz desas masas de pobres que, como os inxenuos pioneiros de Alaska fantaseados por Brecht, soñan con chegar algunha vez a Mahagonny, `a cidade dos nenos' como a chama a viúva Leokadia Begbick, onde todos poden atopar aquel recuncho de dicha, éxito e paz, que os faga sentirse seguros e arrullados como os pichoncitos baixo a á maternal da pomba. 

Por sucumbir a esta mentira e querer rebelarse logo contra ela o infeliz Jimmy Mahoney e a súa amada Jenny Smith reciben o castigo que a sociedade da libre empresa inflige aos insumisos: para el, a cadeira eléctrica, e, para ela, o bordel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario