24 de novembro de 2013

Inicio de MOI MAL!

AS TRES LEIS DA ROBÓTICA 

Un robot non pode facer dano a un ser humano, ou, por medio da inacción, permitir que un ser humano sexa lesionado. 

Un robot debe obedecer as ordes recibidas polos seres humanos agás se estas ordes entrasen en conflito coa Primeira Lei. 

Un robot debe protexer a súa propia existencia na medida en que esta protección non sexa incompatible coa Primeira ou a Segunda Lei. 

Gregory Arnfeld en realidade non se estaba morrendo, pero sen dúbida existía un claro límite ao que lle quedaba de vida. Tiña un cancro inoperable e rexeitara, enerxicamente, toda suxestión de tratamentos químicos ou terapia radioactiva. Apoiado contra as almofadas, sorriu á súa muller e dixo: 

- Son o caso perfecto. Levarano Tertia e Mike. 

Tertia non sorriu. Parecía terriblemente preocupada. 

- Hai tantas cousas que se poden facer, Gregory. Sen dúbida Mike é un último recurso. Podes non necesitar esa cousa. 

- Non, non. Para cando me abarrotaran de sustancias químicas e remollado con radiación, xa habería tanto tempo dende que me fora que non existiría unha proba razoable... E por favor non chames a Mike «cousa». 

- Estamos no século XXII, Greg. Hai moitos medios para tratar o cancro. 

- Si, pero Mike é un deles, e creo que o mellor. Estamos no século XXII, e sabemos o que poden facer os robots. Certamente, eu seino. Tratei máis a Mike que a calquera outro. Ti sábelo. 

- Pero non podes pretender utilizalo só para enorgullecerte do proxecto. Ademas, até que punto estás seguro da miniaturización? É unha técnica mesmo máis nova que a robótica. 

Arnfeld asentiu. 

- De acordo, Tertia. Pero os raparigos da miniaturización parecen seguros. Poden reducir ou restablecer constantes de Planck dunha forma segundo eles razoablemente segura, e os controis que o fan posible están introducidos en Mike. Pode diminuír e aumentar de tamaño a vontade sen que a súa contorna véxase afectada. 

- Razoablemente seguros -dixo Tertia con lixeira amargura.

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario