Inquietante artigo recomendado por Javier González no que a tese exposta é que a "educación por competencias" dos nosos nenos é outra volta máis de porca da ditadura dos mercados que non busca o COÑECEMENTO (do que se deriva o sentido crítico, a anomalía) senón a ACTITUDE (a resposta fronte diversas situacións, o estándar).
Os departamentos de recursos humanos das empresas bombardean e bombardearán aos nosos mozos con test que avalían a súa capacidade de resposta, en que apoiarse, onde consultar, que protocolo seguir, que equipo conformar, máis que avaliar o seu coñecemento profundo e específico da materia obxecto do traballo ou a súa capacidade de análise dun problema.
Imos cara a un mundo laboral no que o verdadeiro coñecemento quedará en mans duns poucos e ao resto tocaralle saberse os pasos de baile, pór boa cara, botarlle horas sen límite e lerse a última actualización do procedemento.
Epílogo: Onte vimos coas nenas unha reportaxe de como Brunelleschi foi capaz de levantar a cúpula de 60 metros de diámetro (!) de Santa María dei Fiori en Florencia, sen cimbra algunha de madeira, só coa xeometría, un sistema de fíos e un enxeñoso sistema de colocación de ladrillos en espiña de peixe e en espiral que minimizaba a súa deslizamiento. Se aquilo foi o Renacemento (da Humanidade) como poderiamos chamar á fase actual? Adormecemento? Entumecemento? Adocenamento?
Non deixemos que os nosos fillos perdan a súa singularidade e a súa curiosidade por saber en aras de atopar un sitio, o que sexa, dentro do sistema.
DGM
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.