Boi Rubio escoita ao doente Manuel de Quintáns, o amo, trousar todas as horas da noite, que el coñece polo instinto e unha luciña apagada no ollo dereito, que cando é sol papexa contra unha tea imposible de varrer de todo, pero que informa. Sabe boi que o amo sofre, porque fala de enriba, desde o cuarto; e cando baixa, o ollo dereito dálle a sensación dun home roto, como crebado do espiñazo, a falar baixiño coma nunca. E boi sabio entrégalle a testa para pór fin á vida. Mesmo pelexa o animal por chegar á parede para bater na estrema da porta, romper de vez a caixa dos miolos e atopar o descanso antes que a soidade chegue. Manuel conta os minutos. Tempo hai que deixou de ver as horas e mailos días.
...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.