29 de novembro de 2014

2ª Parte de 20.000 leguas de viaxe baixo os mares (LXXXVIII)

O choque arrincoume un berro. Foi un choque relativamente débil, pero que me fixo sentir a forza
penetrante do espolón de aceiro, ao ouvir os estridentes chasquidos. Lanzado pola súa potencia de propulsión, o Nautilus atravesaba a masa do buque como a agulla pasa a través da tea.
Non puiden soportalo. Tolo, fóra de min, saín do meu camarote e precipiteime ao salón. Alí estaba o capitán Nemo. Mudo, sombrío, implacable, miraba polo tragaluz de babor.
Unha masa enorme zozobraba baixo a auga. Para non perderse o espectáculo da súa agonía, o Nautilus descendía con ela ao abismo. A uns dez metros de min vin o casco entreaberto polo que se introducía a auga fragorosamente, e a dobre liña dos canóns e os empalletados. A ponte estaba chea de sombras escuras que se axitaban. A auga subía e os desgraciados lanzábanse aos obenques, agarrábanse aos mastros, retorcíanse na auga. Era un formigueiro humano sorprendido pola invasión da mar.
Paralizado, atenazado pola angustia, os cabelos erizados, os ollos desmesuradamente abertos, a respiración contida, sen alento e sen voz, eu miraba tamén aquilo, pegado ao cristal por unha irresistible atracción.
O enorme buque afundíase lentamente, mentres o Nautilus seguíalle espiando a súa caída. De súpeto produciuse unha explosión. O aire comprimido fixo voar as pontes do barco polo lume das adegas. O empuxe da auga foi tal que desviou ao Nautilus. Entón o desafortunado navío afundiuse con maior rapidez, e apareceron ante os nosos ollos as súas cofas, cargadas de vítimas, logo as súas barras tamén con acios de homes e, por último, a punta do pau maior.
Logo, a escura masa desapareceu, e con ela a súa tripulación de cadáveres no medio dun formidable remolino.
Volvinme cara ao capitán Nemo. Aquel terrible xusticieiro, verdadeiro arcanxo do odio, continuaba mirando. Cando todo terminou, o capitán Nemo dirixiuse á porta do seu camarote, abriuna e entrou, seguido pola miña mirada. Na parede do fondo, debaixo dos retratos dos seus heroes, vin o dunha muller nova e os de dous nenos pequenos. O capitán Nemo mirounos durante algúns instantes, tendeulles os brazos, e, axenlloado, prorrumpeu en saloucos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.