27 de novembro de 2014

Fragmento de Memorias dunha Terra, de Xosé María Castroviejo

Aquel verán chegou a Santiago unha inglesa, miss Deblys, para facer estudios sobre do Pórtico da Gloria e o mestre Mateo. Viña recomendada a meu avó, quen a axudou en todo o que puido. Miss Deblys, de idade indefinida, era osuda, roxa, e alta, e camiñaba a grandes alancañadas. Semellaba un cabalo. Como manifestase desexos de coñecer o campo galego, meu avó invitouna á nosa casa de Paizás e alí veu coa súa inseparable libreta na que apuntaba todo. Non había cousa: igrexa, árbore, froita, paxaro ou flor, da que non demandara o nome para trasladalo despois ao papel. Cheiraba as plantas, e contaba as follas, por ver se eran iguais ás inglesas. Gustaba da paisaxe e dicía que a Ulla era semellante á súa terra —paréceme recordar que era do Surrey— pero que alí os carballos medraban máis fortes. As veces sentábase ao pe deles, ou ben en calquera outra parte, e poñíase a ler os Salmos, nun libriño mouro que levaba consigo. Unha mañá, atopou á miss o crego de Trobe, que ía na súa égoa a un enterro en Vilariño, e foi dicindo que a inglesa era perigosa, e que viña propagar o protestantismo.

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.