8 de abril de 2014

Inicio de A danza dos Mortos

A Danza dos Mortos
Christie Golden

 -Liza está espléndida esta noite, verdade? -rumoreou Sardan a Larissa mentres contemplaban a actuación da estrela do espectáculo.
A moza de cabelos brancos levantou a mirada cara a Sardan cunha expresión riseira e asentiu entusiasmada.
Liza Penélope, a primeira actriz do pracer do pirata, estaba soa no escenario do barco-teatro A Demoiselle du Musarde, no medio dun decorado creado por un mago experto en ilusionismo; os seus espidos pés afundíanse en areas brancas e unhas gracis palmeiras inclinábanse sobre ela; mesmo se algún dos presentes non desexaba escoitar a súa aguda voz, podía deixarse arrullar polo afastado rumor das ondas. Esa atención aos detalles, xunto coas dotes musicais de Liza, propiciaban a enorme popularidade da Demoiselle nas cidades portuarias onde atracaba.
A bela soprano botou a cabeza cara atrás e cantou a pleno pulmón; o seu vermello cabelo inflamouse no resplandor dun sol tropical ilusorio. Larissa tiña a sensación de que cada nota era máis pura, máis potente que outras veces.
A moza bailarina e Sardan, o actor principal, contemplaban a Liza desde detrás do pano. O papel de Larissa na obra xa concluíra, pero quedou a escoitar o último dúo. O atractivo Sardan axustouse o traxe, cepillouse distraído os louros cabelos por última vez e avanzou cara ao escenario cos brazos tendidos cara a Liza.
Non, non temades, adorada Rose; o voso amante ha de regresar polo corazón roto e a man xentil da Dama do Mar.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario