23 de abril de 2014

Día Internacional do Libro

O Día do Libro é un acontecemento anual que se celebra o 23 de abril. A festa celebrouse por primeira vez baixo os auspicios da UNESCO en 1995 coa idea de fomentar a lectura.

As orixes da festa do libro están ligadas a Cataluña e á celebración do Sant Jordi (San Xurxo), cando era costume que os homes agasallasen as mulleres cunha rosa e estas o fixesen cun libro.

En España a xornada comezouse a celebrar oficialmente o 7 de outubro de 1926, en conmemoración do nacemento de Miguel de Cervantes Saavedra. O escritor e editor valenciano, establecido en Barcelona, Vicent Clavel Andrés, propuxo este día á Cámara Oficial do Libro de Barcelona. O 6 de febreiro de 1926, o goberno español, presidido por Miguel Primo de Rivera, aceptou a data e o rei Alfonso XIII asinou o decreto real que instituíu a Festa do Libro en España.

No 1930, a data conmemorativa foi trasladada para o 23 de abril, día do falecemento de Cervantes, que coincidía coa tradición festiva catalá.

O 15 de novembro de 1995, a UNESCO decidiu proclamar este día, Día internacional do libro. Esta xornada ten como fin promover o libro e fornecer a través del o acceso á cultura do maior número de persoas posible. A UNESCO decidiu o día atendendo á casualidade de que a morte de Cervantes (o 23 de abril de 1616 no calendario gregoriano) se correspondía coa data do aniversario do nacemento e morte de William Shakespeare (no calendario xuliano). Na Inglaterra daquel tempo aínda se utilizaba o calendario xuliano, que tiña unha diferenza de 10 días co calendario gregoriano que se usaba en España. Shakespeare, polo tanto, morreu 10 días despois de Cervantes. Ese mesmo día tamén se conmemora a morte do primeiro escritor mestizo, Inca Garcilaso de la Vega, fillo do conquistador Sebastián Garcilaso de la Vega e da princesa Inca Elisabet Chimpu Occlo, irmá de Huayna Capaz, último emperador indio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario