29 de decembro de 2012

Rainer Maria Rilke


Rainer Maria Rilke naceu en 1875, un 4 de nadal (o pasado día catro publicamos a primeira parte deste relato) e faleceu un 29 de nadal de 1826

KISMET (e II)


Levantou os seus graciosos brazos de fráxil rapariga e lenta e lixeiramente fíxoos virar coma se as súas mans morenas fosen a trocarse en ás. Inclinou a cabeza cara atrás, moi atrás, deixando flotar os seus cabelos negros e pesados, e ofreceu o seu estraño sorriso á primeira estrela que aparecía. Os seus pés espidos, de nocellos finos, buscaban un ritmo, como ás apalpadelas; no seu novo corpo había un desexo de mecedura e de caricias, de goce consciente e de abandono sen vontade, como deben experimentalo as flores de talos delgados cando o crepúsculo rózaas.

Temblorosos os xeonllos, Král estaba de pé ante ela. Vía o bronce pálido dos ombreiros espidos da bailarina. E sentía confusamente: Tjana danza o amor.

Cada sopro que atravesaba os prados parecía confundirse cos seus movementos, como unha lixeira caricia, e todas as flores soñaban no seu primeiro soño mecerse e inclinarse dese modo. Tjana achegábase máis e máis a Král e inclinouse cara a el, tan extrañamente que os brazos do home parecían paralizados pola súa muda contemplación. Estaba de pé como un escravo e escoitaba latexar o seu corazón. Tjana rozábao como un alento, e o ardor do seu movemento moi próximo alcanzábao como unha onda. Deseguido ela retrocedeu moi atrás, sorriu cunha expresión de orgullo vencedor e sentiu: "Con todo, non é un rei".

O xitano recobraba aos poucos os seus sentidos e perseguíaa como a unha imaxe de ilusión, ás apalpadelas e secretamente. Depronto detívose. Algo se unía e mesturábase ao movemento mecedor de Tjana. Un canto lixeiro e flotante que parecía desde longo tempo contido na súa danza e que, como saíndo dun longo soño, parecía florecer en cadencias máis e máis ricas e pletóricas. A bailarina vacilaba. Todos os seus movementos facíanse máis lentos, máis suaves, coma se estivese ao asecho. Mirou a Král e ambos sentiron ese canto como un peso que os paralizaba. Ao seu pesar, os seus ollos volvéronse na mesma dirección e viron a Prokopp que avanzaba. A delgada silueta do seu corpo de home mozo dibuxábase sobre o crepúsculo gris de prata. Camiñaba, como inconsciente, con paso somnoliento, e sacaba as notas da súa doce canción dunha simple frauta rústica. Vírono achegar. De súpeto Král lanzouse ao seu encontro e arrincou a frauta dos beizos do mozo. Prokopp, con presenza de ánimo, agarrou coas súas virís mans os brazos do agresor, apertounos con forza e sostivo con ollo interrogador a mirada hostil e ardente de Král.

Os homes permaneceron así, cara a cara. Ao redor deles era o silencio. O carromato verde parecía mirar a comarca, a través dos resplandores turbios das súas candeas, como con ollos tristes que esperaban.

Sen dicir un chío, os dous xitanos soltáronse de súpeto. Král cunha cólera terca, o mozo fronte a el, cunha confesión suavemente interrogadora nos seus ollos sombríos. Baixo a mirada dos homes, Tjana esborrallouse. Creía que debía ir cara a Prokopp, abrazalo e preguntarlle: "De onde vén esa canción?" Pero xa non tiña forza para iso. Estaba aniñada ao bordo do camiño, inerte, como unha criatura que ten frío, e gardaba silencio. Os seus beizos calaban. Os seus ollos calaban.

Os homes agardaron un momento, logo Král botou ao outro unha mirada hostil e provocadora e tomou a dianteira. Prokopp parecía vacilar. Tjana viu os ollos tristes do mozo xitano despedirse dela. Ela estremeceuse. Despois a silueta delgada e áxil fíxose máis e máis imprecisa e acabou por desaparecer na dirección en que Král marchara. Tjana ouviu os pasos perderse nos prados. Retivo o alento, escoitando na noite.

Un sopro percorreu a chaira, cálido e apracible como o alento dun neno durmido. Todo estaba claro e silencioso; e dese vasto silencio destacábanse os sones lixeiros da nova noite: o zurrido dos vellos tilos, un arroio en algures, e a pesada caída dunha mañá madura na herba de outono.

FIN

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.