13 de decembro de 2012

Inicio de Alexias de Atenas, de Mary Renault


Mary Renault morreu o 13 de nadal de 1983.

Alexias de Atenas: Unha mocidade na Grecia clásica
Novela Histórica

Cando era neno, se estaba enfermo ou me sucedía algo desagradable, ou me azoutaran na escola, afacía lembrar que o día en que nacín o meu pai quixera matarme.

Diredes que non hai nada de extraordinario niso. Con todo, creo que é menos corrente do que cabería supor, pois, por regra xeral, cando un pai decide abandonar a un fillo, faio, simplemente, e a cuestión acaba así. E moi raramente pode un home dicir dos espartanos, ou da peste, que a eles debe a vida en lugar da morte.

Foi ao principio da Gran Guerra, cando os espartanos estaban no Ática, incendiando granxas. Existía a crenza naqueles tempos de que ningún exército podía enfrontarse con eles e sobrevivir; por tanto, nós tiñamos só a Cidade, e O Pireo e os Muros Longos, como aconsellara Pericles. Cando eu nacín el aínda vivía, aínda que estaba xa enfermo; algúns mozos estúpidos pregúntanme, como fixo un recentemente, se lle lembro.

Os campesiños con granxas incendiadas chegaban á cidade, e vivían como animais onde podían pór un teito de pel de res sobre uns paus. Mesmo durmían e cociñaban nos templos e nas columnatas das escolas de loita. Os Muros Longos estaban bordeados de apestosas chozas, até a baía. A peste empezou alí, nalgún lugar, e estendeuse como o lume na maleza.

Algúns dixeron que os espartanos invocaran a Apolo, e outros aseguraron que lograran envenenar os mananciais. Algunhas mulleres, segundo creo, culpaban aos campesiños de traer con eles unha maldición; coma se fose posible que os deuses castigasen a un Estado por tratar con xustiza aos seus cidadáns. Pero como as mulleres ignoran a filosofia e a lóxica e temen máis aos adivinos que ao inmortal Zeus, sempre cren que o que lles causa aflición debe ser maligno.

A peste causou moitas vítimas na miña familia, como o fixo en case todas. Danisco, o corredor olímpico, pai da miña nai, foi enterrado cos seus vellos trofeos e a súa coroa de oliveira. O meu pai atopouse entre os que enfermaron e sobreviviron, pero durante algún tempo sufriu unha fluxión sanguinolenta, que lle impedía tomar parte na guerra. Cando eu nacín, acababa xustamente de recobrar as súas forzas.

(...)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.