22 de decembro de 2012

Fragmento de As Crónicas do Sochantre, de Alvaro Cunqueiro (I)

En 1911, un 22 de nadal nacía Álvaro Cunqueiro.

III
Tódolos presentes cumprimentaron ao finado de Quelven, tratándose mui amistosos e dándose por coñecidos e de cotidián trato, e perguntándose pola parentela. O difunto era un home gordo e colorado, a peluca branca mui empoeirada, mestas celias roxas, os ollos azúes mui franco, chato el, grandes mostachos caídos, e boa talla; tiña os brazos curtos da xente de curia, e vestía de rigoroso loito, pechando a casaca cun cintillo de ouro. Bicoulle a man á madame de Saint-Vaast e sentouse onde cadraba que xa estaba sentada a sombra de Guy Parbleu. Pro non sentou derriba déla, que denantes de que se sentase foi o sieur de Coulaincourt e colleuna a dúas mans e pousouna nunha enrella que tina a carroza sober do asento dianteiro, e na que xa iba o cabás do médico Sabat. Aló enriba seguía tabatexando o criado do Demo. O finado tiña un tic que somellaba que no espinazo se lle soltase un resorte, e brincaba de cintura coma tomado do hipo. Parecía contente de atoparse en tan tratábel compañía. Fitou pra o sochantre e sorriu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.