6 de xaneiro de 2017

IRMAUS de Celso Emilio Ferreiro

Un 6 de xaneiro, de 1912 nacía o autor Celso Emilio Ferreiro.

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.

Pero ti, que te alcontras alá lonxe
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.

Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos ó teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmau che falo.

Anque as nosas palabras sexan distintas,
e ti negro e eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.

Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmau che falo.

Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmau che falo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario