A difusión do megalitismo.
As construcións megalíticas son os primeiros restos arquitectónicos do pasado que se conservan en Occidente. Distribúense por toda Europa, desde mediados do V milenio a.C. para desenvolverse amplamente no III milenio a.C., época de transición cara á Idade do Bronce. Trátase de construcións monumentais que, na súa forma máis elemental (menhir), consisten en pedras de gran tamaño cravadas na terra. Coa cultura neolítica xorde unha nova espiritualidade que modifica a visión que o home ten do seu propio universo. As crenzas do home agricultor teñen que ver cos elementos naturais: choiva, sol, vento, terra, dos que depende para garantir a súa subsistencia.
A difusión do megalitismo.
Estas novas conviccións materialízanse na construción de megalitos, un modo de expresar as primeiras manifestacións relixiosas e plasmar a idea do renacemento eterno. Os menhires actúan como mediadores entre o home e as forzas poderosas do cosmos. Son elementos simbólicos permanentes, que o home erixe cunha vontade expresa de eternidade. A maioría de menhires illados que se conservan teñen unha altura considerable que oscila entre tres e seis metros.
Tamén hai conxuntos de menhires aliñados paralelamente como o conxunto de Carnac, en Francia, o que denota un plan xeral ben deseñado. Quizais estes menhires conducían cara a un lugar de culto.
Un dos primeiros santuarios en chan europeo é a construción megalítica da localidade de Stonehenge (Reino Unido), do II milenio a.C. Trátase dun conxunto colosal de perímetro circular con estruturas adinteladas que debuxan unha planta de ferradura cun altar no centro. A orientación deste conxunto coincide co punto de saída do Sol no solsticio de verán, que alaga cos seus raios o altar. A relación simbólica co astro podería facer referencia á idea de renacemento, grazas á calor do Sol, astro que xera vida. As estruturas pétreas están organizadas cunha distribución ordenada, seguindo normas de regularidade e simetría.
Neste momento aparecen novas crenzas en relación coa morte e organízanse rituais funerarios que requiren a construción de verdadeiras tumbas chamadas dólmenes. Trátase en realidade de sepulturas colectivas, compostas por dous monólitos pétreos verticais, que sustentan unha laxa horizontal, e cubertos de terra.
Estas construcións anteceden en varios milenios aos tholoi micénicos. A cultura megalítica estendeuse tamén polo oeste e norte europeo, deixando sepulcros xigantescos en Reino Unido, Irlanda e Bretaña. Mentres tanto, a zona do Mediterráneo Oriental, bañada polas augas do mar Exeo, iniciaba unha época de esplendor grazas ao desenvolvemento do comercio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.