26 de outubro de 2015

LIDERADO, ESCOLAS, ESCARAVELLOS, COLIFLOR

LIDERADO, ESCOLAS, ESCARAVELLOS, COLIFLOR

Ao mediodía, cando me toca cociñar, escoito na radio con certa frecuencia un anuncio dunha Escola de Negocios que querendo captar novos recrutas e o consecuente diñeiro paternal véndese como "a maior comunidade de líderes de Galicia".

O anuncio, como todos os da radio, pásame inadvertido ata que ouzo esa frase, ese slogan capcioso que me fai deter o esfollado da coliflor para catro ou o sutil rebozado do filete de pavo en pan rallado e ovo.

Resúltame obscena a idea de empastar conceptos como escola, mocidade, negocio, éxito, liderado (e cadea SER). Ensinámosche a liderar, a gañar diñeiro, serás o máis en grao sumo non importe á conta de quen ou de cantos, e isto último non o digo eu, senón un experto en "ética nos negocios", de cuxo nome non podo acordarme, que afirma que nas ditosas escolas de negocios non se forma en valores éticos, en respecto ao próximo, ao conxunto das cousas, ao equilibrio, aínda que si ao balance, ao dividendo, ás leis que hai que coñecer e sortear.

Os rapaces prerrolex ou postiate non saben nin recoñecer un problema de ética comercial se se lles pon diante, dicía, e así nos vai. Porque eses, supostamente, liderarán (e okuparán en sentido estrito) os Bancos da Terra, as empresas onde currarán os nosos fillos axitaranse ao antollo da súa ambición, mentres fabrican coches contaminantes, preciosos e alemáns, tan fraudulentos e flatulentos como a miña coliflor a medio cocer.

Non pido Mandelas nin Yunus nin Gasoles ou Gandhis liderando cada esquina do mundo, só apelo ao liderado dun bo director de instituto, dunha médica minuciosa, dunha concelleira responsable, dun tendero honrado ou dun artista apaixonado, rico só en ideas.

DGM

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.