25 de outubro de 2015

Palacio Real de Riofrío

Visitamos o Palacio Real de Riofrío, do Patrimonio Nacional,  e que se atopa en San Ildefonso, en Segovia. O palacio é de estilo italiano con planta cadrada e tres pisos de altura.

No seu interior está o Museo da Caza e é resaltable o patio interior, a escaleira de honra, a capela e a súa colección de pinturas, tapices e mobles. Atópase rodeado por un extenso bosque de 625 hectáreas, onde habitan gamos e cervos, aos que hai anos podía un dar de comer da man, pero que agora non son accesibles.

Fernando VI, canso das continuas interferencias da raiña nai Isabel de Farnesio, permitiulle construír un palacio para mantela afastada da Corte (que neste momento permanecía case de maneira permanente en La Granja de San Ildefonso) e así Isabel de Farnesio mandou construír o palacio en 1751 nun antigo coto de caza. Antes de finalizar as obras, o rei Fernando VI morreu sen descendencia e desapareceu a necesidade de trasladarse a Ríofrío. O palacio non se finalizou totalmente e a raíña nunca residiu nel.

O Palacio foi utilizado polos sucesivos soberanos españois cando ían de caza aos bosques de Riofrío.

Ningún comentario:

Publicar un comentario