8 de outubro de 2015

Fragmento de Paseata arredor da morte

Paseata arredor da morte é unha obra de Domingo García-Sabell, nado o 8 de outubro de 1909 en Santiago de Compostela e finado o 5 de agosto de 2003 na Coruña. Foi médico, escritor, político e académico.

Por unha banda témo-los vellos que acadan longos anos sen unha perturbación física. E cun funcionamento espiritual normalísimo. Nos nosos patrucios hai ocasión de ver, de vez en cando, algún destes formidables patriarcas nos que a lonxevidade semella, e en moitas sazóns é, o resultado último dunha constante obra de artesanía no estilo de vida. Son os homes tranquiios, serenos, de acordo constante consigo mesmos, asisados, de bo consello e segura amizade. Ó final, ós oitenta, ós noventa anos, velaí están cabo de nós, ergueitos, firmes, invariables e inconmovibles corao rexas vigas na existencia do fogar comunal. Un día chégalles a morte. E recíbena con idéntico sosego, con igual parsimonia que a outro calquera suceso de vulgar aparencia. Mortos, están fermosos. E deixan tras de si a lembranza entrañable dunha paisaxe familiar. Poden eles ter sufrido, quizais sen sabelo, graves doenzas ben escondidas, inaccesibles ós nosos estudios, pode o seu corpo ser un formigueiro de males incontrolados. Pero eles pasaron cabo de nós sen que ata a súa intimidade experimentase lixadura ningunha. Envelleceron do corpo, mais mantiveron acesa a chama da mocidade. Foron o arquetipo do contrario da vellez, foron o arquetipo da apertura xenerosa, da apertura gozosa ó mundo.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.