21 de outubro de 2015

Santa Lucía

Temos aquí a Escalinata de Santa Lucía nunha foto do primeiro concurso A Coruña en Sepia.

O topónimo é tan habitual en Coruña, que por Santa Lucía un pode entender varios sitios da cidade.

No século XIX, a cidade dividíase en tres partes: A Cidade Alta, que coincide máis ou menos coa actual Cidade Vella illada por murallas, a Pescadería, situada no istmo ou parte máis estreita da península coruñesa e tamén fortificada e por últimos os exteriores, que eran dous núcleos formados polos barrios de Santa Lucia e Riazor e outro formado por Monelos, Elviña, Vioño e Peruleiro.

Así aparece en moitas fontes antigas a referencia de que fóra dos muros da cidade atopábase a Capela de Santa Lucia no barrio a que dá nome.

Tamén nalgún libro aparece que o porto da Coruña se acha situado na enseada ou baía comprendida entre a punta do Parrote e a illa de Indias, á que segue a enseada de Santa Lucia ou a Palloza, que se estende até a punta do castelo de San Diego. E que é de mellor condición polo seu maior fondo e abrigo a enseada de Santa Lucia, co inconveniente de que está a bastante distancia do porto.

Así que temos unha enseada, unha igrexa, un mercado, unha rúa e unha escalinata...

Neste caso parece que a relación ven mais coa enseada que coa capela moito mais fastada. No seu día existiu a fonte de Santa Lucía, non moi lonxe do lugar da foto e doutra chamada do Espiño, ao comezo de rúa Cabaleiros que foi considerada a culpable de varios casos de tifus en 1911. Por certo que nalgunhas fontes esta zona da rúa Cabaleiros aparece co seu verdadeiro nome de lugar de alcabaleiros. Os alcabaleiros eran os que cobraban as alcabalas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario