11 de outubro de 2015

Castelo dos Andrade

Visitamos o Castelo de Andrade, tamén coñecido como fortaleza da Nogueirosa, castelo medieval, tamén coñecido en tempos como o Castelo da Fame. Desde a súa orixe estivo moi vinculado á poderosa familia dos Andrade, señores feudais da bisbarra, que é un símbolo de Pontedeume.

Fernán Pérez de Andrade, O Bo, iniciou a liñaxe en 1371 de mans de Enrique de Trastámara, cando recibe os señoríos de Pontedeume e Ferrol. Nuño Freire de Andrade pasou á historia pola dureza con que gobernou os seus territorios. Durante o seu mandato sucédense as revoltas campesiñas. Moitos outros son os avatares históricos do señorío; por exemplo, no século XVI, por falta de descendencia masculina, os títulos e dereitos pasan, por razóns matrimoniais, á casa de Lemos.

Hoxe en día pertence á casa de Alba. Na simboloxía dos Andrade aparecen o oso e o xabaril, de clara inspiración celta. Polas súas reducidas dimensións, o castelo apenas cumpriu a súa función residencial. A parte mellor conservada é a torre da homenaxe. O recinto amurallado ten forma irregular; nel ábrese unha soa entrada ao castelo con dobre peche. Un foso rodea a construción por dous dos seus lados.

Unha lenda di que había un paso subterráneo que comunicaba este castelo co que hai na vila de Pontedeume.

A maioría do conxunto conservado é o resultado das obras comezadas no ano 1369 sobre a ruína dunha antiga fortaleza, probablemente do século XIII. A partir do século XIV foi denominado como Alcázar dos Andrade. Trala súa destrución no ano 1467 a causa das revoltas irmandiñas tivo que ser practicamente reedificado. Poucos anos despois foi un dos corenta e seis castelos aos que os Reis Católicos ordenaron o seu desmochado. Ocorreu no ano 1486. No século XIX foi obxecto dunha profunda restauración que foi levada a cabo polo arquitecto Tenreiro a instancia do duque de Alba.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.