A seguinte foto do I Concurso A Coruña en sepia (2014) era esta.
O primeiro edificio foi chamado a casa Caruncho e alí abriu as súas portas o Palace Hotel. Un nome internacional para unha cidade que vivía do seu porto.
A normativa da España posterior á Guerra Civil, fixo que trocasen o nome a Hotel Palas. Así parecía mais o nome dun hotel obreiro pero pedir algo como Hotel Palacio era moito para a mentalidade da epoca que deu curiosidades como El niño de la Guía e similares. Na Coruña pola mesma época o Sporting Club pasa a chamarse Casino (hoxe ten os dous nomes). O Sporting Club ocupaba os baixos xusto á dereita do edificio do que falamos.
O Hotel foi naugurado en 1916. Por poñernos en situación habia xa dez anos que na Coruña fabricaban a cervexa "La Estrella de Galicia" e os mesmos que unha panda de ximnastas e esgrimistas crearan o Deportivo de la Sala Calvet, que xa para entón era Real Club Deportivo.
O Palace Hotel estaba moi ben situado, xusto enfronte do Obelisco, do que xa falaremos no seu momento, e dando as paredes laterais á rúa Real e á avenida da Mariña. Mellor imposible. O comedor do hotel foi durante moitos anos empregado para variedade de actos sociais e outras solemnidades e na parte baixa estivo o Café Oriental. As habitacións da planta nobre estaban amobladas con camas de bronce e tiñan pezas en caoba.
Contan que durante as primeiras xornadas do Golpe de Estado de 1936 un cliente do hotel que apoaba aos sublevados fixo disparos dende o tellado. Os gubernamentais entraron no hotel pero calmaronse os ánimos ao ser invitados polo propietario nos luxosos salóns.
Tras a Guerra Civil o hotel foi entrando en paulatina decadencia, salvada unicamente nas tempadas nas que o dictador acudía ao Pazo de Meirás (o que atraía o turismo a nosa bisbarra) pero quedou ferido de morte coas aperturas dos hoteis Finisterre e Embajador.
Xa na década dos sesenta A Coruña busca "modernizarse" e a solución pasa por derrubar edificios antigos e facer outros modernos no seu lugar. Ese foi e é un dos obxectivos do concurso A Coruña en sepia, meditar sobre estes cambios.
En xuño do 1967 o edificio comezou a derrubarse.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.