Deixeime lear e mira que me apetece pouco. Esta noite espérame a cea de 25 anos da miña promoción do instituto, ai que preguiza naiciña.
Teño pavor a non recoñecer a quen me diga "Hoooome, que taaaaal!" ou o que é peor, que non me recoñezan a min, hahahaha, vai ser iso... se é que deberiamos levar un carteliño co nome, modo Convención Demócrata.
Verei a xente que non vin en 25 anos e supoño que os trazos, no fundamental, non cambiarían, M. seguirá tendo eses olliños misteriosos que moveron montañas, O. seguirá co seu pelo de campión de surf, a T. xa non lle sentará tan ben o chandal de ximnasia... Eu para empezar fun esta mañá á barbaría a recortarme as canas e as greñas (parezco Dyango) e tratei de non comer tanto chocolate e parecer menos "fofi" e máis "san", hahaha, escondereime nas fotos, arriba ao fondo ou me irei ao baño.
Supoño que ao final o pasarei ben. O meu anxo simpático do ombreiro esquerdo vencerá ao meu demo asocial do ombreiro dereito e traereime algúns bos recordos, risas, datos, anécdotas e divorcios, e contarei da miña vida, de máis, seguro, como sempre que estou nun silencio de máis de dous segundos.
E soará Hombres G na fase musical, bailas Peggy Sue?, estou a ouvilo vir, ... e Duncan Dhu, e Heroes del Silencio...e amence axiña que... e seguirei sen entender por que ninguén pide nin pon "Slowly" de Aute, co que a min me gusta...
DGM
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.