18 de agosto de 2015

TIBIOS E TROIANOS

Volvérono a facer. É cíclico. O meu ben querido amigo na distancia di que me le aquí,  e que si, que guaI, pero que lle parezo demasiado tibio, que el me coñece e segue esperando que saque os meus extremos a pasear, a miña sorna desorellada, o meu aguillón, a miña escuridade. Que me deixe de dar cera, de querer agradar, de facelo bonito.
Nas discusións de índole laboral ou persoal pásame o mesmo, sempre empezo e acabo en posturas intermedias, en rol de mediador, en príncipe da empatía. Se un xefe de obra é unha rata son o primeiro en entender os seus motivos ou a súa ineptitude, e se ten que corrixir 100 consíntolle que corrixa 70. Encontro nos puntos intermedios unha especie de xustiza, de mal menor consensuado (tiñan que tratarme de pequeno o da miña intelixencia empática). O paradoxo é que sería un mal xuíz e un bo ministro, da igrexa, un mal cirurxián e a mellor das enfermeiras.
Logo imaxínome un mundo cheo de Tibios, como eu, e abúrrome só de pensalo. Imaxino entón un mundo cheo de Troianos e asústome só de pensalo. Así que son xa 43 anos habitando este bucle entre o ser, o querer ser e o deber ser, pondo en solfa a miña autenticidade en favor de harmonías e sustentabilidades, de garantías habitacionais non sempre demandadas.
Toda unha vida, ou media, en órbita exacta, en equilibrio zen para min mesmo e para os demais, esperando secretamente que contra min choquen ao azar asteroides que me saquen da órbita, que interroguen a miña matemática e o meu silicio, cometas que abran cráteres na miña superficie e deixen fluír a materia espesa e vermella do meu núcleo.
Talvez somos necesariamente así, os mornos, e a nosa temperatura temperada sexa a media exacta entre unha cortiza fría e un corazón en chamas.
Volveume a quedar bonito. Non se se valerache así, o meu ben querido amigo.

DGM

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.