8 de agosto de 2015

Centenario de A metamorfose (XX)

Era a primeira vez que lle falaba directamente despois da metamorfose. Grete foi á habitación contigua, en busca de algo que dar á nai para reanimala.

Gregorio quixere axudala -para salvar o cadro había tempo-, pero estaba pegado ao cristal, e tivo que desprenderse del dun brusco tirón. Logo correu á habitación contigua, coma se aínda puidese, igual que antes, dar algún consello á súa irmá. Pero tivo que contentarse con permanecer quieto detrás dela.

Grete estaba rebuscando entre diversos frascos; ao volverse, asustouse, deixou caer ao chan a botelliña, que rompeu, e un fragmento feriu a Gregorio na cara, salpicándolla dun líquido corrosivo. Grete, sen deterse, colleu tantos frascos como puido e entrou no cuarto de Gregorio, pechando tras de si a porta co pé. Gregorio atopouse, pois, completamente separado da nai, a cal, por culpa súa, achábase talvez en perigo de morte. Non podía entrar sen botar de alí á súa irmá, cuxa presencia xunto á nai era necesaria; por tanto, non tiña máis remedio que esperar.

Alterado polo remorso e a inquietude, comezou a rubir polas paredes, os mobles e o teito ata que sentiu mareado e deixouse caer con desesperación encima da mesa.

Pasou un intre. Gregorio xacía extenuado; na casa reinaba o silencio, o cal era talvez bo sinal. Chamaron. A criada estaba, como sempre, na cociña, e Grete tivo que saír a abrir. Era o pai.

-Que pasou?

Estas foron as súas primeiras palabras. A expresión de Grete revelárallo todo. Grete ocultou a súa cara no peito do pai, e dixo ahogadamente:

- Nai perdeu o senso, pero xa está mellor. Gregorio escapouse.

-Sabíao -dixo o pai-. Advertínvolo; pero vós, as mulleres, nunca facedes caso.

Gregorio comprendeu que o pai malinterpretara o comentario de Grete e seguramente cría que fixera algo malo. Por tanto, debía tranquilizar ao seu pai, pois non tiña tempo nin forma de aclararlle o ocorrido. Lanzouse cara á porta da súa habitación, esmagándose contra ela, para que o seu pai, en canto entrase, comprendese que tiña intención de regresar inmediatamente ao seu cuarto, e non facía falta empuxalo cara a dentro, senón que bastaba con abrirlle a porta para que entrase no acto.

Pero o pai non estaba en condicións de captar estas sutilezas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.