1 de outubro de 2014

Fragmento de "O Porco de Pe" de Vicente Risco (III)

O fútbol é un xogo moi bonito sempre que gañen os de aquí. Claro está que se non gañan aínda pode un falar mal do referee. É moi bonito: primeiro corren todos para un lado; despois, un suponer, xogan os de Santiago contra os de Lugo; gañan os de Lugo, pois en Santiago xa non poden ver a ninguén de Lugo; gañan os de Santiago, pois en Lugo xa non poden ver a ninguén de Santiago. Despois a xente leva aqueles escudiños tan bonitos na solapa... O peor é ter que ler tódolos boletíns que falan diso, e ter que saber quen é Zamora, e quen é Ramón —Ramón Gómez de La Serna, cando din por ai Ramón, coida que é por el; mais non é certo, que é polo do fútbol— e quen é Pinilla, e quen é Otero e todo iso é matarse a cabeza de máis por mor dos pés...




O tennis en troques, era cousa reservada á xente escollida e elegante: ía a muller do enxeñeiro da Deputación, a do enxeñeiro de Minas, a do enxeñeiro de Montes, a do enxeñeiro Agrónomo, a do enxeñeiro da Luz, as dos enxeñeiros de Obras Públicas, as de Gómez, as de Pérez, as de López, as de Martínez e as de González. Ían as fillas de don Celidonio. Ía Aser das Airas. Unhas veces xogaban; outras as donas facían crochet, macramé, frivolité, encaixe Richelieu, calceta, punto por cima, punto de marca, bordado a realce, namentres os cabaleiros dicían chistes.

Tal día coma hoxe en 1884 nacía Vicente Risco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.