No canto de continuar a súa marcha ao Norte, o Nautilus puxo rumbo ao Leste, coma se quixese seguir a chaira telegráfica na que repousa o cable e cun relevo ben indicado con gran exactitude polas múltiples sondaxes realizadas.
Foi o 17 de maio, a unhas cincocentas millas de Heart’s Content e a dous mil oitocentos metros de profundidade, cando vin o cable xacente sobre o fondo. Conseil, a quen non lle previra, tomouno nun primeiro momento por unha xigantesca serpe de mar e dispúxose a clasificala segundo o seu método habitual. Houben de desengañar ao digno raparigo e, para consolarlle do seu chasco, referinlle algunhas das vicisitudes que rexistrara a colocación do cable.
Tendeuse o primeiro cable durante os anos 1857 e 1858, pero tras transmitir uns catrocentos telegramas cesou de funcionar. En 1863, os enxeñeiros construíron un novo cable, de tres mil catrocentos quilómetros de lonxitude e de catro mil cincocentas toneladas de peso, que se embarcou a bordo do Great Eastern. Pero esta tentativa fracasou.
Precisamente, o 25 de maio, o Nautilus, mergullado a tres mil oitocentos trinta e seis metros de profundidade, achouse no lugar mesmo en que se produciu a ruptura do cable que arruinou á empresa. Ese lugar distaba seiscentas trinta e oito millas das costas de Irlanda. Ás dúas da tarde déronse conta de que acababan de interromperse as comunicacións con Europa. Os electricistas de a bordo decidiron cortar o cable e non repescarlo, e ás once da noite lograron apoderarse da parte avariada. Fíxose o empalme cosendo os chicotes dos dous cabos, e mergullouse de novo o cable. Pero uns días máis tarde, volvía romper sen que se lograse extraelo das profundidades do océano.
Os americanos non se desanimaron. O audaz promotor da empresa, Cyrus Field, que arriscaba nela
toda a súa fortuna, abriu unha nova subscrición, que quedou inmediatamente cuberta. Construíuse
outro cable en mellores condicións. Protexeuse baixo unha almofadiña de materias téxtiles, contida nunha armadura metálica, o feixe de fíos condutores illados por unha funda de gutapercha. O Great Eastern, co novo cable, volveu facerse ao mar o 13 de xullo de 1866.
A operación marchou ben, a pesar de que no transcurso da mesma fose obxecto dunha sabotaxe. En varias ocasións observaron os electricistas, ao desenrolar o cable, que tiña plantados varios cravos.
O capitán Anderson, os seus oficiais e os seus enxeñeiros reuníronse, deliberaron sobre o asunto e finalmente anunciaron que se se sorprendía ao culpable a bordo lanzaríaselle ao mar sen outro xuízo. A criminal tentativa non se reproduciu.
O 23 de xullo, cando o Great Eastern achábase tan só a oitocentos quilómetros de Terranova, telegrafiouselle desde Irlanda a noticia do armisticio concertado por Prusia e Australia, tras o de Sadowa.
O día 27 avistaba entre a bruma o porto de Heart’s Content. A empresa culminara felizmente, e no seu primeiro despacho, a moza América dirixía á vella Europa estas sensatas palabras tan raramente comprendidas: «Gloria a Deus nos ceos e paz na terra aos homes de boa vontade».
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.