31 de outubro de 2014

Inicio de Kwaidan

De Lafcadio hearn

A HISTORIA DE MIMI-NASHI-HÕÏCHI

Hai máis de setecentos anos, en Dan-non-ura, nas gargantas do Shimonoséki, librouse a última batalla da longa contenda entre os Heiké, ou clan Taira, e os Gengi, ou clan Minamoto. Alí foron exterminados os Heiké, coas súas mulleres e os seus nenos, e o seu pequeno emperador, hoxe lembrado como Antoku Tennõ. E hai máis de setecentos anos que o mar e a costa están encantados... Noutra parte referinme aos estraños cangrexos de mar, chamados cangrexos Heiké, que locen rostros humanos no lombo e que son, segundo dise, os espíritos dos guerreiros Heiké . Nesa costa ven e óuvense cousas moi raras. Nas noites sen lúa, milleiros de lumes espectrais aletean na praia, ou relumbran sobre a ondada, pálidas luces que os pescadores chaman Oni-bi, ou lumes demoníacos; e, cando os ventos se enardecen, profusos alaridos proveñen do mar, semellantes ao clamor dunha batalla.
Noutra época, os Heiké ignoraban o acougo moito máis que agora. Polas noites, subíanse ás naves que cruzaban os seus dominios e tentaban afundilas; e xamais deixaban de axexar aos nadadores para arrastralos consigo. Para aplacar a eses mortos construíuse o templo budista,  Amidaji, en Akamagaséki. Xunto a el, preto da praia, levantouse un cemiterio, poboado por monumentos cuxas inscricións evocan os nomes do emperador afogado e dos seus grandes vasallos; e alí realizábanse regularmente cerimonias budistas consagradas a eses espíritos. Edificado o templo, erixidas as tumbas, os Heiké xa non inquietaron aos vivos con tanta frecuencia; mais non cesaron, ocasionalmente, de facer cousas raras, que demostraban que aínda non acharan a paz perfecta.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.