8 de outubro de 2014

Fragmento de Paseata arredor da morte

Paseata arredor da morte é unha obra de Domingo García-Sabell, nado o 8 de outubro de 1909 en Santiago de Compostela e finado o 5 de agosto de 2003 na Coruña. Foi médico, escritor, político e académico.

E entón comeza a defensa contra a morte. Primeiro, e por un acto de decisión voluntaria, encerca-lo pensamento da morte, metelo nun quiste mental e dedica-la atención ós recordos amables, ás lembranzas pracenteiras. E aínda, a favor de mecanismos inconscientes, dar ton esperanzadamente optimista á situación presente. Deste xeito, "o inaturable faise aturable, e un aprende a vivir coa morte ó non matinar nela excesivamente".
Segue a esta inicial adaptación un segundo expediente. Cando un se sabe condenado a morrer, pero non en poucas horas, senón nun prazo inda que curto, indeterminado, o terror primeiro, o froito do "choque cede o paso a un certo esquecemento. Durante algunhas horas pódese esquece-la morte. Esto permite unha certa, unha mínima folgura interior. Mínima, pero real. É un respiro, un alivio. Ó terror sucede o pesadume, ó medo total, a preocupación. E, asemade, ó chega-la noite e a dona abandona-lo hospital, o doente séntese, de socate, só, "nunha horrenda soidade". "Isto é o que se sente, en xeral, cando se ten un cancro mortal, especialmente ó principio".
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.