Que os presidentes de Ausbanc e Mans Limpas fosen detidos hoxe por extorsionar a empresas e persoas en plan "dáme xxmil euros e retíroche a querela" paréceme aínda máis grave que o do Ministro Soria-offshore, ao que o cargo fai moito que quedaba grande.
Que supostos xusticieiros, defensores de causas nobres, robinhoods contemporáneos, acaben caendo á beira máis escura é descorazonador e dá fe do estado de colapso e caruncho das elites do noso país, de como o diñeiro e o poder corrómpeno todo. De Mario Conde xa nin falo, na súa obscena avaricia non foi capaz nin de protexer aos seus (ou estes sufrían do mesmo pecado capital sumado á preguiza: querer vivir a corpo de rei do diñeiro roubado por papá).
Non quedan referencias en quen mirarse... ou si, pero están baixo terra. Ao fío dicía o bo de José Luís Sampedro nunha entrevista que "na miña vida só pretendín ser honesto, dedicado e intenso."
E foino. Un gran faro, tres adxectivos para tomar nota: honesto, dedicado e intenso.
Feliz finde guapísimos e guapísimas, que a Forza vos acompañe.
DGM
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.