23 de maio de 2016

CAMORRA

CAMORRA

Atopo síntomas de que non está todo perdido. Onte, en Ares, mentres consultaba durante horas un expediente, puiden comprobar que o funcionario que estaba comigo non parou de traballar, de contestar chamadas, de atender a xente variada e concelleiras (que non sempre coincide) cheo de paciencia e bofacer, para que logo digan...

Hoxe o comercial que veu ao estudo a vendernos os seus produtos resultou en grao sumo fiable, agradable, crible, e demais adxectivos acabados en "ble". Pasóusenos voando a hora que estivo a encher de catálogos a mesa de cristal.

Chamarémoslle. Fai un intre, no bar ao que baixei movido polo impulso futboleiro, a camareira púxome co café unha napolitanita partida en catro anacos -sen que eu pedísella- que me soubo a gloria bendita. A xente normal mola. Non me importa engordar así, aínda que explote un día e os meus doces fragmentos ao vento alcancen as Cíes ou Ribadeo.

É entón cando me achego á TV e vexo xente importante que non, que non mola, mentireiros de oito patas e cinco ollos, empresarios mediáticos movefíos (JLCebrián) que dan entre grima e noxo, que non saben nada sobre o traballo ben feito e os principios, que ignoran como resolver o problema máis básico dun paisaniño co permiso do peche do seu galiñeiro, que non saben vender nin colocar tella mixta (gran pecado), que non regalan sorrisos, educación nin napolitanas partidas en catro a corazóns colchoneiros, porque só saben de poder, de diñeiro, de fealdad e camorra.

DGM

Ningún comentario:

Publicar un comentario