4 de maio de 2016

Arte

O Neolítico: xeometrismo e animismo

Durante o Neolítico tiveron lugar radicais transformacións na actividade humana. O home vivía en cabanas e en palafitos nos lagos.

A comunidade, pola súa banda, organizábase en poboados. Continuábase traballando a pedra e o óso, pero producíase tamén cerámica. Os instrumentos realizados en pedra eran máis elaborados. Esta evolución tecnolóxica deu nome ao período, pois a palabra «neolítico» significa, precisamente, «pedra nova». Así, co paso gradual dunha economía paleolítica de subsistencia, baseada na recolección e a caza, a unha economía neolítica de produción, baseada na agricultura e a gandaría, o home deixou de ser nómada e converteuse en sedentario, organizándose en comunidades estruturadas.

Durante a transición do Paleolítico ao Neolítico tivo tamén lugar o primeiro cambio estilístico da Historia da arte. Pasouse, en efecto, do naturalismo paleolítico á abstracción neolítica. Xa non se reproducía a realidade, senón que se creaban signos e símbolos.

Unha creación típica desta cultura foron os menhires, que se cría servían para albergar o espírito das divindades, dos heroes e dos defuntos. Non foi por azar que estas pedras se fincaron no chan, con gran esforzo, na mesma posición vertical que distingue ao home dos animais. Os retratos deste período presentan os principais trazos coma se fosen abreviaturas e a figura humana queda reducida a unha abstracción xeométrica. O home caracterízase case exclusivamente pola presenza das armas e a muller por presentar dúas formas circulares no lugar dos seos. É o inicio da diferenciación tipolóxica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.