31 de maio de 2016

Fragmento de Filosofía da saudade, de Ramón Piñeiro

Na área xeográfica do Noroeste peninsular que vai desde o río Douro deica o Cantábrico —rexión xeográfica claramente diferenciada—, houbo desde os máis recuados tempos prehistóricos unha presencia e unha unidade cultural da que aínda perduran abundantes testemuños. As ondas étnico-culturais que ascendían do Sur e as que, procedentes de Europa, sobardaban polos Pirineos, ían chegando a este país distante, afastado, finistérrico, isolado por esgrevias cadeas montañosas, e íanse remansando, sedimentando, fundindo unhas con outras. Nese acontecer, produciuse sempre un dobre proceso: por unha banda, a recepción, a asimilación das correntes que chegan; por outra banda, a persistencia de estructuras e formas indíxenas queinflúen e modifican esas correntes que van chegando. Esta forza de persistencia de certas formas, de certas pautas que poderiamos chamar indíxenas, é a que lle dá esa fasquía arcaizante que sempre caracterizou a cultura desta área xeográfica.

Os romanos recoñeceron a personalidade étnico-cultural do Noroeste peninsular e déronlle estructuración político-administrativa ó convertelo nunha das provincias do Imperio. E déronlle tamén o nome —Gallaetia—, que chegou ós nosos días. A romanización subiu do Sur, ascendeu da Bética a Mérida, a Brácara, a Lucus e a Astúrica. A Galecia —o territorio dos galegos— tiña para os romanos dous centros importantes: Braga, na Galecia do Sur, e Lugo, na Galecia do Norte. Pero o centro cultural da romanización era Braga, como ocorreu máis tarde coa cristianización, que seguiu o mesmo camiño, pois tamén tiña en Braga o seu foco principal de irradiación.

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.