O equilibrio de ambas —da nosa dimensión individual e da nosa dimensión social— é imprescindible para o logro da nosa plenitude existencial. Os fallos que se produzan en calquera delas limitarán as nosas posibilidades de auto-realización. No tocante ós galegos, é evidente que a conciencia da propia individualidade sempre a tivemos ben desenvolta. A nosa vivencia da saudade ben o pon de manifesto. En cambio, a nosa asimilación do patrimonio colectivo, da realidade cultural da comunidade á que pertencemos, levou consigo, século tras século, xeración tras xeración, a contrapartida da situación marxinal desa cultura. Xa dixemos que cada ser humano nace no seo dunha realidade cultural que é a que configura a súa personalidade. Na medida en que a asimila, vai incorporándose á realidade comunal, formando parte dela. Ora, se esa realidade comunal que é a cultura está nunha situación histórica marxinal ou frustrada, é evidente que a personalidade que nace e se configura no seu seo levará inevitablemente o calco, a marca desa situación.
Resulta claro, xa que logo, que a evolución histórica da cultura galega foi limitativa para a plenitude existencial dos membros da comunidade. Devolverlle a capacidade normal do seu desenvolvemento sería a única maneira de recuperar todas as posibilidades desa plenitude.
...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.