16 de maio de 2016

PORFIAR

PORFIAR

Ídesme a perdoar que sexa un pouco maniqueo pero cada vez vexo máis claro que nas actitudes públicas (e tamén nas privadas) só hai dous tipos de persoas: as que arriscan e as que non.
Un bo exemplo podería ser o bo Papa Francisco que, cal hormiguiña tenaz, vai abrindo aos poucos as escuras catacumbas da Igrexa católica. A súa iniciativa de dar cancha ás mulleres e estudar a posibilidade de nomealas diáconas é tan ousada como necesaria neste século XXI da igualdade a berros, un comezo de algo inevitable e xusto. Podía quedar quieto parado como viñeron facendo os últimos 200 Papas, pero optou por moverse e arriscar, mandar a bóla á liña, subir á rede, xogarse un gambito. Bravo por el.
Sempre haberá dentro da Igrexa quen vexa mal estes movementos de apertura e renovación. Aínda recordo con sufoco como nunha das miñas primeiras reunións da APA había quen lle criticaba por facer alarde de "pobreza" ao usar un vetusto escaravello nos seus desprazamentos. "A grandeza da Igrexa require unha representación á altura" dicían, claro non un indignado perroflauta arxentino disfrazado de branco que se achega aos desposuídos de todo, que pide perdón polos pecados pedófilos dalgúns dos seus, que descobre as vergoñas da nosa Europa do euro e os aramados ou se nega a xulgar -quen é el- aos que aman en alma e corpo aos do seu mesmo sexo. Un exemplo de tolerancia e humanidade, Francisco, pero sobre todo de valentía e porfía. Que aprendan outros.

DGM

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.