18 de maio de 2016

Arte

As xigantescas construcións da civilización exipcia, as pirámides, reflicten tamén, sen dúbida, a estrutura xerárquica desta sociedade.  A maior parte da produción artística destinábase, por tanto, ao servizo do templo e tamén do palacio.

Nun mundo onde a terra e a riqueza estaban concentradas en poucas mans e a estabilidade social estaba permanentemente ameazada tentábase evitar as innovacións artísticas, do mesmo xeito que se temía calquera outro tipo de cambios ou reformas.

Isto explica o singular academicismo da arte exipcio, academicismo que lle aseguraba un altísimo nivel, pero tamén un gran carácter estereotipado.

Un único intento de rebelarse á tradición foi levado a cabo por Akhenatón (Amenofis IV) no século XIV a. C. Autor dunha reforma relixiosa, Akhenatón, impulsou na arte, durante un breve período de tempo, unha gran variedade de formas naturalistas. Nesta etapa artística o realismo manifestouse libremente.

A antiga Mesopotamia, como Exipto, debeu a súa prosperidade aos ríos que percorrían o seu territorio, neste caso o Éufrates e o Tigris. O país dividíase en dúas rexións: Asiria, no norte, e Babilonia, no sur. Debido a que Mesopotamia non se atopaba protexida por fronteiras naturais, contou coa vantaxe de ser unha zona de paso de moitos pobos e coa desvantaxe de sufrir numerosas invasións.

Tivo, por tanto, unha gran influencia no resto do mundo antigo. Tamén, por mediación dos fenicios, mantivo durante o I milenio a.C. frecuentes contactos con outros pobos mediterráneos, especialmente cos gregos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.