17 de marzo de 2015

PRODIGY, NENO

Decátome polas redes sociais que tras 62 anos (!) pechou PUNTO 3, un templo musical da noite coruñesa.
Para nós tivo o seu momento e alí acudiamos como polillas, benditos 90 ... ou non tanto. Iamos ver se viamos a quen queriamos ver, pero era demasiado lista e guapa e sempre estaba acompañada. Eu dicíallo ao meu colega "pasa dela, tío", pero nin caso, tocaba percutir. Cando me quedaba só, abacelábame á barra ou me arrimaba aínda máis a algunha parede, e observaba á xente baixo a sombra palpitante. 
Cubalibres, xeos, mozas con pantalón vaqueiro, estrellagalicia, demasiado home, música atronadora, suor do bo. O meu amigo seguía botando a cana ou a miñoca en mar morto, mentres os temas potentes encadeábanse a todo bafle. Soaba entón "Breathe" e algún flipao koruño demasiado próximo (me) gritaba "Uaaaaaaaaa Prodigy, neno!!" Eu sorríame e continuaba co meu particular cabeceo case imperceptible, alleo a todo paroxismo, así somos os fletáns. Escoitando sen ouvir, mirando sen ver.

DGM

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.