21 de marzo de 2015

Centenario de A metamorfose (IV)

Xa estaba Gregorio con case medio corpo debfóra da cama (o novo método era como un xogo, pois consistía simplemente en balancearse cara atrás), cando caeu en conta de que todo sería moi sinxelo se alguén viñese na súa axuda. Con dúas persoas robustas (e pensaba no seu pai e na criada) bastaría. Só terían que pasar os brazos por baixo das súas bombeadas costas, sacarlle da cama e, agachándose logo coa carga, deixar que se estirase no chan, onde era de supor que as patas se mostrarían útiles. Agora ben, e prescindindo do feito de que as portas estaban pechadas con chave, conviña realmente pedir axuda? A pesar do apurado da súa situación, non puido por menos de sorrir.

Adiantara xa tanto, que un só abalo, algo máis enérxico que os anteriores, bastaría para facerlle bascular sobre o bordo da cama. Ademais pronto non quedaría máis remedio que decidirse, pois só faltaban cinco minutos para as sete e cuarto. Nese momento, chamaron á porta do piso.

«Debe ser alguén do almacén», pensou Gregorio, mentres as súas patas axitábanse cada vez máis rapidamente. Por un momento permaneceu todo en silencio. «Non abren», pensou entón, aferrándose a tan desatinada esperanza. Pero, como non podía por menos de suceder, ouviu aproximarse á porta as fortes pisadas da criada. E a porta abriuse. A Gregorio bastoulle ouvir a primeira palabra do visitante para decatarse de quen era. Era o xerente en persoa. Por que estaría Gregorio condenado a traballar nun sitio onde a máis mínima ausencia espertaba inmediatamente as máis terribles sospeitas? É que os empregados eran todos uns lerchos? É que non podía haber entre eles algún home de ben que, despois de perder un par de horas na mañá, volvésese tolo e non estivese en condicións de abandonar a cama? É que non bastaba con mandar a un mozo a preguntar (supondo que tivese fundamento esa teima de pescudar), senón que tiña que vir o mismísimo xerente a deixar claro a unha inocente familia de que só el tiña autoridade para intervir na investigación de tan grave asunto?

E Gregorio, excitado por estes pensamentos máis que decidido a iso, tirouse violentamente da cama. Ouviuse un golpe xordo, pero non demasiado. A alfombra amorteceu a caída; as costas tiña maior elasticidade do que Gregorio supuxera, e isto evitou que o ruído fose tan estrepitoso como temera. Pero non tivo coidado de manter a cabeza suficientemente ergueita; magoouse e a dor fíxolle fregala furiosamente contra a alfombra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario