30 de maio de 2014

Inicio de SERVIR AO HOME

SERVIR AO HOME
Damon Knight


Os kanamitas non eran moi atractivos, é certo. Parecían un pouco porcos e un pouco homes, e esta non é unha combinación agradable. Velos por vez primeira era un auténtico shock; este era o seu hándicap. Cando unha cousa co aspecto dunha fera vén das estrelas e ofréceche un regalo, séntesche inclinado a non
aceptalo.
Non se como esperabamos que fosen os visitantes interestelares..., é dicir, os que pensaramos algunha vez niso. Quizá anxos, ou ben algo demasiado estraño para ser realmente espantoso. Posiblemente foi por iso que nos arrepiamos tanto e experimentamos tal repugnancia cando aterraron nas súas grandes naves e vimos como eran en realidade.
Os kanamitas eran baixos e moi peludos..., con pelos grosos e erizados dunha cor grismarrón en todo o seu corpo abominablemente rechoncho. O seu nariz parecía unha trompa e tiñan ollos pequenos, e mans moi grosas de tres dedos cada unha.
Levaban tirantes de coiro verde e pantalóns curtos, pero creo que os pantalóns eran unha concesión ás nosas ideas sobre decencia pública. A roupa estaba cortada á última moda, con petos verticais e medio cinto na parte posterior. Sexa como for, os kanamitas tiñan sentido do humor.
Había tres deles naquela sesión das N.U., e podo asegurarlles que a súa presenza nunha solemne Sesión Plenaria resultaba moi estraña..., tres rechonchas criaturas con aspecto de porcos, vestidas con tirantes verdes e pantalóns curtos, sentadas na mesa de debaixo da tarima, rodeadas polos bancos ateigados de delegados procedentes de todas as nacións. Estaban correctamente ergueitos, e miraban cortésmente a todos os oradores. As súas orellas planas caían por encima dos audífonos. Creo que máis tarde aprenderon todos os idiomas humanos, pero naquela época só sabían francés e inglés.
Parecían completamente ás súas anchas... e isto, xunto co seu sentido do humor, foi algo que me impulsou a experimentar certa simpatía cara a eles. Eu formaba parte da minoría; non cría que fosen atacar o mundo. Explicaran que o único que querían era axudarnos e eu crinlles. Como tradutor das N.U., a miña opinión non importaba, pero pareceume que a súa vinda era o mellor que ocorrera xamais á Terra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario