14 de maio de 2014

Inicio de Xinetes cara ao mar

Versión galega de Martín Veiga

PERSONAXES DA OBRA

MAURYA, unha vella
BARTLEY, o seu fillo
CATHLEEN, a súa filla
NORA, unha filla máis nova
HOMES E MULLERES

MARCO: Unha illa no oeste de Irlanda

Xinetes cara ao mar 

Cociña dunha casa pequena, con redes, roupas de augas, unha roca, unhas táboas novas apoiadas na parede, etc. Cathleen, moza duns vinte anos, remata de amasar un bolo e pono no forno da bica xunta o lume; logo seca as mans e comeza a tecer. Nora, unha rapaza, asoma a cabeza pola porta.

NORA (en voz baixa). ¿Onde está?

CATHLEEN. Está deitada, que Deus a axude, e quizais a durmir, se é que pode.
Nora entra sen facer ruído e saca un vurullo de debaixo do seu chal.

CATHLEEN (xirando a roda con rapideza). ¿Que traes aí?

NORA. O crego novo acaba de traelas. Sonche unha camisa e unha media sinxela que lles quitaron a
un home afogado en Donegal.

Cathleen detén a roda cun movemento súpeto e inclínase para escoitar.

NORA. Temos que descubrir se é que son de Michael, en calquera momento ela baixará a ollar polo
mar.

CATHLEEN. ¿Como van ser de Michael, Nora? ¿Como chegaría ata alá, tan lonxe ao norte?

NORA. O crego novo di que el xa coñeceu casos semellantes. “Se é que son de Michael”, di el, “pódeslle dicir a ela que ten un enterro puro, pola gracia de Deus; e se non lle pertencen a el, que ninguén diga nin unha palabra sobre isto, pois ela morrerá”, di el, “entre os prantos e os lamentos.”
A porta que Nora entornou ábrese de golpe cun refacho de vento.

CATHLEEN (ollando para fóra con inquedanza). ¿Preguntácheslle se impediría que Bartley fose neste día cos cabalos á feira de Galway?


NORA. “Non o impedirei”, di el; “mais non teñas medo. Ela está a pregar durante media noite, e Deus Todopoderoso non a deixará indixente”, di el, “sen ningún fillo vivo.”

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.