8 de setembro de 2013

Fragmento de "Turbo" de Miguel Suárez Abel

Elías Seoane entrou na cociña coa culpabilidade escrita na cara. Eran as doce do día e ía moito sol. Pousou enriba do frigorífico La Voz de Galicia e mais un paquetiño envolto en papel de regalo. Susana, sentada diante da televisión, continuou atenta a Jesús Hermida, ignorando ó seu home, segundo viña sendo habitual. Tan afeito estaba Elías e este trato que nin se preocupaba de fuxir das trivialidades con que a cotío a saudaba:
—¡Que sol vai, eh!
—¡Vai á merda! -escoitou Elías, que, mal por mal, levaba meilor este tipo de respostas có silencio despreciativo que a miúdo lle regalaba a súa muller por castigo.
Avisado de que, con moita probabilidade, non había de ser este o día en que aparecesen os primeiros xestos para abrir canles de comunicación, sentouse a le-lo xornal; iso si: procurando estar ben atento, non fose que por non escudriñar na mulier despreciase a súa máis mínima intención de cambio.
As noticias do día —coma sempre— xa case as sabía de memoria, por iso foi directamente á páxina dezasete onde se informaba da viaxe do conselleiro a Buenos Aires.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.