24 de setembro de 2017

Fragmento de A canción do verán

A canción do verán é unha obra de Vicente Araguas, nado en Xuvia (Neda) o 24 de setembro de 1950, músico e escritor galego, un dos fundadores en 1968 do grupo Voces Ceibes.

De casualidade estaba aberto o camposanto que se estende, sobresaltado, case que ás orelas do mar. Unha campa, desnivelada como un pozo, que recolleu nos seus tempos mellores a unha burguesía en ascenso como denotan arcanxos e anxos de mármore e pedra, capeliñas grises e panteóns amazacotados. Hoxe, no día de agosto en que alí estabamos, seguía acollendo a quen conservaban dereitos adquiridos. E, xa que logo, aínda tiñan privilexio de repousar, ao menos temporalmente, preto de Pondal, Wenceslao Fernández, Luís Seoane, Armando Gasalla e, mágoa fora, dos que deran lustre aos seus apelidos. Un cemiterio, este de San Amaro, fermoso na súa proximidade ao mar, cuberto —ata o Xardín de San Carlos— de sombras (producidas polas paredes de nichos outos como curutos) e verdes (alon-gados, dos cipreses). Un luxo de camposanto para unha cidade de luxo, que vive e morre entre mares, fulgores de sol nas cristaleiras e verdes sombrizos en xardíns e cemiterios.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.