17 de setembro de 2021

Inicio de UN LUGAR DOS DEUSES

UN LUGAR DOS DEUSES
Stephen Vincent Benet
  
O Norte, o Oeste e o Sur son bos terreos de caza, pero está prohibido ir ao Leste. Está prohibido ir a calquera dos Lugares Mortos excepto para buscar metal, e en tales casos o que toca o metal ten que ser un sacerdote ou o fillo dun sacerdote. Despois, o home e o metal teñen que ser purificados. Esas son as normas e as leis; e están ben feitas. Está prohibido cruzar o gran río e contemplar o lugar que foi o Lugar dos Deuses. Está severamente prohibido. Nin sequera podemos pronunciar o seu nome. 
Alí é onde moran os espíritos, e os demos. Alí atópanse as cinzas do Gran Incendio. Esas cousas están prohibidas; estiveron prohibidas desde o principio dos tempos.
O meu pai é un sacerdote. Por tanto, eu son o fillo dun sacerdote. Estiven nos Lugares Mortos co meu pai. Ao principio, estaba asustado. Cando o meu pai entrou na casa en busca de metal, quedei de pé xunto á porta, sentíndome débil e pequeno. Era a casa dun home morto, a casa dun espírito. Non tena o cheiro do home, aínda que nun recuncho había ósos humanos. 
Pero o fillo dun sacerdote non pode dar mostras de temor. Contemplei os ósos na sombra e mantiven a miña voz firme.
Logo saíu o meu pai co metal: un anaco grande, impresionante. O meu pai miroume cos dous ollos, pero eu non botei a correr. Deume o metal para que o sostivese. Collino e continuei vivindo. De modo que o meu pai soubo que eu era realmente o seu fillo e que cando me chegase a hora sería un sacerdote. Iso foi cando eu era moi novo. Con todo, os meus irmáns non o fixeron, aínda que eran bos cazadores. A partir de entón, cedéronme o mellor anaco de carne e o recuncho máis quente xunto ao lume. O meu pai velaba por min; estaba moi contento porque sería un sacerdote. Pero cando fanfarroneaba ou choraba sen motivo, castigábame con máis severidade que aos meus irmáns. E era xusto que o fixese.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.