20 de agosto de 2021

Inicio de A SANTIDADE DE AZÉDARAC

A Santidade De Azedarac 
Clark Ashton Smith 

-Pola cabra do mil tetas! Pola cola de Dagón e os cornos de Derceto! -dixo Azédarac mentres acariñaba o pequeno frasco panzudo cheo dun líquido escarlata colocado na mesa fronte a el-. Algo hai que facer con este pestilente irmán Ambrosio. Descubrín agora que foi enviado a Ximes polo arcebispo de Averoigne sen ningún outro propósito que reunir probas da miña conexión subterránea con Azazel e os Antigos. Espiou as miñas invocacións nas criptas, escoitou as fórmulas ocultas e contemplou a auténtica manifestación de Lilit, e mesmo de Iog-Sotôt e Sodagui, eses demos que son máis antigos que o mundo; e esta mesma mañá, hai unha hora, montou no seu branco para a viaxe de regreso a Vyones. Hai dúas maneiras -ou, nun sentido, hai unha maneira- nas cales podo evitar as molestias e inconvenientes dun xuízo por bruxaría: o contido deste frasco debe ser administrado a Ambrosio antes de que chegue ao final da súa viaxe, ou, a falta disto, eu mesmo vereime obrigado a facer uso dun medicamento semellante. 
Jehan Mauvaissoir mirou o frasco e logo a Azédarac. Non estaba en absoluto arrepiado, nin sequera sorprendido, polos nada episcopais xuramentos e afirmacións pouco antieclesiásticas que acababa de escoitar do bispo de Ximes.
Coñecera ao bispo demasiado tempo e demasiado intimamente, e prestoulle demasiados servizos dunha natureza anticonvencional, para sorprenderse ante nada. De feito, coñecera a Azédarac moito antes de que o feiticeiro soñase con converterse en sacerdote, nunha fase da súa existencia que era do todo insospeitada polas xentes de Ximes; e Azédarac non se molestou en ter moitos segredos con Jehan en ningún momento. 
-Comprendo -dixo Jehan-. Podes contar conque o contido do frasco será administrado. O irmán Ambrosio dificilmente viaxará con rapidez sobre aquel asno branco que vai ao paso; e non alcanzará Vyones antes de mañá ao mediodía. 
Hai tempo abundante para alcanzarlle. Por suposto, el coñéceme. Ou, polo menos, coñece a Jehan Mauvaissoir... Pero iso pode remediarse facilmente. 
Azédarac sorriu confiado. 
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.