11 de agosto de 2021

Inicio de A CARGA DO HOME HUMANO

A CARGA DO HOME HUMANO

Robert Sheckley
  
Edward Flaswell comprou o seu planetoide, sen velo, na Oficina de vendas de Terreos Interestelares da Terra. Elixiuno por unha fotografía que só mostraba unha cadea de pintorescas montañas. Pero Flaswell amaba as montañas, e como comentou ao dependente:
-Quizais haxa ouro nelas, non lle parece, amigo?
-Pode ser -contestou o dependente preguntándose que home que estivese nos seus cabais podería decidir establecerse a varios anos luz da muller máis próxima. Ningún home nos seus cabais faríao, pensou o dependente. Lanzou a Flaswell unha mirada escrutadora.
Pero Flaswell estaba completamente cordo. Sinxelamente, non se parou a considerar o problema.
Flaswell pagou unha pequena suma en créditos e fixo unha extensa promesa de mellorar gradualmente o seu terreo. Axiña que se secou a tinta da súa firma, comprou pasaxe a bordo dun cargueiro de segunda, meteu nel unha colección de cachivaches de segunda man, e partiu cara á súa propiedade.
A maioría dos pioneiros novatos atópanse con que compraron un pedazo de roca espida. Flaswell tivo sorte. O seu planetoide, ao que deu o nome de Oportunidade, dispuña dun mínimo de atmosfera manufacturada que puido mellorar até facela respirable. Había auga, que o seu equipo de sondaxe descubriu tras vinte e tres tentativas. Non achou ouro nas montañas, pero si ton, exportable. E, mellor aínda, gran parte do chan era adecuado para o cultivo de froitos de bastante valor comercial.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.