Materiais empregados na escultura exipcia
O gusto exipcio polos materiais perennes responde á necesidade de que non se destrúa a estatua do defunto co paso do tempo. A pedra foi o material preferido xa que a súa dureza garante a perdurabilidade a través do tempo. Por outra banda, a abundancia de pedra en Exipto facilitou o gran desenvolvemento da estatuaria neste tipo de material. As canteiras de Tura, preto de Gizeh, e as de Asuán, ao sur, abasteceron continuamente os talleres de escultura.
As pedras utilizadas habitualmente foron calcaria, esquisto, diorita, lousa, basalto, granito vermello (empregado en sartegos), obsidiana e pórfido.
A utilización da madeira e o metal foi menos frecuente. A madeira adoitábase empregar nas estatuas que acompañaban ás de pedra, mentres que o ouro, abundante nos depósitos aluviais do río, utilizouse con profusión na decoración dos sartegos.
A madeira e a pedra calcaria policromabanse, aplicando a cor sobre unha capa de estuco que facilitaba a adherencia da pintura. Nalgunhas estatuas incrustábanse nas órbitas oculares ollos de vidro. Para conseguir maior realismo a oquedade interior recubríase, previamente, con láminas de cobre. Iso acentuaba a sensación de viveza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.