ÁLVARO CUNQUEIRO: A HISTORIA DA CULTURA GALEGA V
Xa digo que en absoluto teñen que ver nin coa paganía romá, e dicir nin con a relixión romá que en determinados aspectos era moi aberta e recollía todos cantos deuses aparecían de todalas partes, nin ten nada que ver co mundo céltico que si o houbera no sustrato delas estarían todas estas supersticións, e dicir todas estas estructuras do mundo máxico.
Pero a cousa complicouse porque no século pasado nós tivemos un grande poeta, un enorme poeta, un gran cantor, Eduardo Pondal. Eduardo Pondal sendo estudiante de menciña en Santiago caeulle nas maus un libro que no seu tempo -60 ou 70 anos antes de que o lera Pondal- foi o libro máis lido, con máis paixón e emoción, en toda Europa. Foi o best seller daquel tempo, foi traducido a tódalas lenguas... e eu podía dicirlle agora dúas ducias de momentos en que homes esenciás de Europa, e momentos esenciás de Europa, len os falsos poemas de Ossián que inventou un crego, un pastor escocés chamado Mc Pherson. Houbo un mago e erudito celta en Irlanda chamado Ossián, Ousín é o seu nombre. Este Ousín ou Ossián debeu vivir alá polo século IV ou V... Cos celtas de Irlanda pasa un pouco como a India, son xa pobos históricos nos cales a data non ten importancia ningunha, de modo que cen anos pra riba ou pra baixo non é nada e non hai maneira nunca de enterarse, pero supoñamos que viviu polo século V, tiña tanta importancia que cando empeza a cristianización de Irlanda por San Patricio, invéntanse conversacións entre San Patricio e Ossián, en que Ossián, aínda que opoñéndose levemente o cristianismo acepta gran parte das cousas, e sobre todo recoñece unha cousa moi importante que é que o San Patricio falaba moi ben. É exactamente igual como cando os cristiás no siglo II e III se inventan as famosas cartas cambiadas entre Séneca e San
Pablo... non houbo nunca as cartas entre Séneca e San Pablo, naturalmente, pero o que se pretendía, e que escribíndose Séneca con San Pablo, Séneca dáballe a San Pablo unha grande autoridad retórica. As epístolas de San Pablo entonces xa non estaban escritas nun lenguaxe cheo de paixón e cheo de faltas de sintaxis etc. era un gran retórico, o cal se probaba, porque Séneca se escribía con el.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.