20 de maio de 2018

Inicio de CYRION EN BRONCE

CYRION EN BRONCE
Tanith Le

Máis preto do ceo que as árbores, a torre elevábase no manto verde do oasis. Baixo ela unha charca en repouso, adelfas, canas, columnas de palmeiras coas súas rotas celosías de frondas, que o sol, no seu percorrido cara ao oeste, desgarrara con diminutos dardos avermellados. Máis aló, en todas direccións, as secas dunas do deserto, tinguidas de cobre nas súas ladeiras occidentais.

O individuo da torre non miraba isto. Contemplaba un cristal montado sobre unha base de bronce. O cristal mostráballe unha zona de deserto a case dous quilómetros de distancia do oasis. Outro home camiñaba na espida area, avanzando cara ao Oeste na mesma dirección que o día. Cara á torre.

O viaxeiro era novo, alto e esvelto e vestía a indumentaria amplía e negra dos nómades. Unha espada envainada nunha funda de coiro vermello descansaba nun costado. Pero o sol acendía o seu cabelo louro e o seu marabilloso rostro, provocando preocupación no vixiante da torre. Do deserto radiante,
belo e terrible, xurdiran profetas. Profetas e demos.

Algo se axitou debaixo da torre, preto da porta atrancada con ferrollos. Juved, o vixiante, non se preocupou por iso, xa que vira a cotío aquela axitación e coñecía ben a súa natureza. Deica pouco o mozo chegaría ao oasis e a axitación aumentaría. Habería unha reacción, un berro de sorpresa. O aceiro xurdiría da vaina vermella, reflectindo os avermellados raios do sol. Sangue vermello empaparía o po. Entón, por pouco tempo, Juved tería paz.

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.